BRUXELAS | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, acadou que o informe presentado pola eurodeputada do PNV Izaskun Bilbao (denominado Informe sobre a seguridade ea sinalización ferroviaria: avaliación da situación actual de implantación do sistema europeo de xestión do tráfico ferroviario, ERTMS), incluíse dúas emendas relacionadas coa lembranza ás vítimas do accidente de Angrois e co aumento da seguridade ferroviaria, e que foron aprobadas a última hora de onte no Parlamento Europeo por ampla maioría. “Quero agradecer a boa disposición de Izaskun Bilbao para incluír no seu informe estas dúas emendas sobre o accidente do Alvia e a mellora de seguridade ferroviaria”, apunta Miranda.
Se ben unha das emendas fai referencia explícita ao accidente de Angrois – acontecido hai oito anos e que provocou o falecemento de 80 persoas e 144 feridos, no Considerando K-, a outra engádega (punto 17 do informe), considera imprescindible “multiplicar urxentemente por dez o ritmo de despregue do ERTMS para lograr a transición dixital e mellorar a seguridade do sistema ferroviario da Unión, así como para mellorar a seguridade dos pasaxeiros e traballadores do sector ferroviario”. A proposta aprobada tamén considera que o ERTMS “debe despregarse na rede básica de aquí a 2030 e na rede global antes de 2040, e recorda a necesidade de evitar retrasos nas instalacións e a activación do ERTMS, o que podería poñer en perigo a seguridade”.
“Consideramos fundamental que a Comisión manteña e reforce o carácter vinculante dos obxectivos nas súas revisións das orientacións do RTE-T, os plans de despregue europeo do ERTMS e as especificacións técnicas de interoperabilidade (ETI) da arquitectura de control-mando e sinalización”, subliña a portavoz do BNG en Europa, quen considera que “non se pode deixar de dar pasos na mellora da seguridade ferroviaria para evitar que aconteza outro accidente como o do tren Alvia”.
Propostas fronte escusas
“Fronte aos continuos retrasos por parte do goberno do Estado no cumprimento das directrices comunitarias, no BNG continuamos facendo propostas para mellorar a seguridade ferroviaria e avanzar no cumprimento da normativa europea”, afirma Ana Miranda en relación aos continuos atrasos no cumprimento das demandas de Europa do procedemento de infracción aberto contra España pola Comisión Europea en xaneiro de 2019 a raíz da denuncia presentada polo BNG en 2017. “Fronte ás escusas, nós presentamos propostas. Fronte ao desleixo de PP e PSOE, o BNG presenta compromiso e traballo constante”, salienta. Departamento de comunicación