SANTIAGO DE COMPOSTELA | Co prezo da luz polas nubes impactando
de cheo nas economías familiares e nas empresas, o BNG denuncia que o Goberno
de Feijóo ultima unha normativa que subirá o prezo doutro ben básico: a auga, gravando
con novos impostos tanto aos concellos como ás persoas usuarias no que a
portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de “Lei do sablazo da auga”.
“Vai supoñer un aumento da factura da auga subindo os impostos e xa
avanzo que o BNG pide a retirada do que o Goberno de Feixóo chama
eufemisticamente Lei de mellora do ciclo
da auga, porque é irreformable e está tramitada con nocturnidade e poñendo
o texto a exposición pública no verán”, salientou Pontón tras un encontro con
alcaldes, alcaldesas e responsables municipais.
A líder nacionalista
destacou que “o mesmo presidente da Xunta que se pasa o día falando de rebaixar
os impostos aos ricos, prepare un sablazo
no prezo da auga para concellos, comunidades de augas, pequenas empresas e
veciños e veciñas pola porta traseira e sen ter en conta as posibilidades e
recursos das administracións e persoas afectadas”, argumentou.
O BNG levará este asunto
a todos os concellos, a través de mocións para pedir a retirada do anteproxecto
do Executivo, “e abrir un proceso de diálogo con todas as partes implicadas”,
subliñou o alcalde de San Sadurniño, Secundino García. Tamén a rexedora de
Tomiño, Sandra González, denunciou que non houbo negociación nin reflexión “cos
axentes que estamos no territorio e coñecemos os problemas”, e iso e así,
alegou, “porque o obxectivo da Xunta non é mellorar o proceso da xestión
integral da auga, senón recadar máis incrementando as taxas que temos que
pagar”. Ambos representan ao Bloque dentro da FEGAMP.
Ademais de subir o prezo
da auga aumentando os impostos, o anteproxecto do PP inclúe novas cargas aos
concellos, como a intención de cobrarlles pola depuración da auga da choiva.
“Primeiro impuxeron o imposto ao sol e agora queren impoñer o imposto á
chuvia”, criticou Pontón, e todo iso porque o actual sistema de depuración a
través das EDAR non está planificado tendo en conta a realidade galega. Unha
falta de planificación cuxas consecuencias o Goberno quere facer pagar aos
concellos e ás persoas consumidoras.
“Como Feixóo leva doce
anos se facer nada nesta materia, agora pretende trasladar as responsabilidades
aos concellos, mesmo usando mecanismos de presión de tal xeito que os
municipios que non acepten as condicións da Xunta non participarán dos investimentos
en obras hidráulicas”, denunciou Pontón, “nin sequera cumpre as leis que el
mesmo aprobou”.
Non está elaborado o plan
xeral de abastecemento, nin o plan xeral de saneamento pendentes desde a
aprobación da Lei de augas en 2010. E
non se avanzou nada en materia de rexeneración e saneamento integral das rías,
e tampouco se cumpriu o Pacto da Auga asinado coa FEGAMP en 2013.
Lucro para as eléctricas, impostos para as persoas
O anteproxecto do PP con
máis impostos á auga coincide no tempo co baleirado dos encoros por parte das
multinacionais eléctricas para seguir lucrándose usando os recursos hídricos do
País. “Once anos sen elaborar o Plan xeral de saneamento e agora pretende
incrementar a carga fiscal sobre os Concellos e sobre a súa veciñanza para
financiar a xestión das súas EDAR”, recriminou Pontón.
Tras o fiasco do que se coñeceu como a “SOGAMA
da auga”, agora o Goberno de Feixóo descólgase con este anteproxecto para a
xestión da auga que basicamente é un relatorio de propostas para cobrarlle máis
a concellos e consumidorxs.
“Resolver un problema
como a xestión da auga precisa altura de miras, visión de País e implicar a
todos actores involucrados na súa solución: Xunta, Entidades locais,
comunidades de augas, empresas, movemento asociativo e persoas usuarias”,
destacou a portavoz nacional, e por iso o BNG pide a retirada do texto para dar
paso a un auténtico diálogo e negociación e sempre desde o obxectivo de
mellorar a xestión integral a auga, máxime cando temos diante o reto do cambio
climático. Departamento de comunicación