MADRID | O BNG, xunto coas forzas
soberanistas con representación nas cámaras estatais, asina un manifesto e
convoca as galegas e galegos a responder á chantaxe das eléctricas o vindeiro 8
de outubro, sexta feira, a través dun apagón eléctrico masivo e unha cazolada
entre as 22:00 e as 22:30 horas. As organizacións políticas chaman ás organizacións
sociais e sindicais, así como tamén ás administracións públicas a secundar a
iniciativa “para enviar unha clara mensaxe desde as nosas nacións”.
Baixo o lema “Desconecta as eléctricas. Frente a súa estafa, soberanía
enerxética!” as formacións soberanistas únense para denunciar a inacción do
Goberno do Estado ante o prezo da luz en máximos históricos e o empobrecemento
da cidadanía. Esta situación, segundo sinalan, débese á privatización do
sistema eléctrico a través dos gobernos estatais de PP e PSOE.
“Venderon e desmantelaron a empresa pública, desregularon o sistema e
deixárano en mans dun mercado do que eles mesmos son parte desde os Consellos
de administración nos que se sentan expresidentes, exministros e exministras de
ambos os partidos” explica o deputado do BNG. Desta maneira, construíron un
mercado eléctrico “á medida” en que se especula e manipula a xeración eléctrica
utilizando bens públicos “como a auga ou o vento”. “Toda unha armazón con
lucros caídos do ceo que acaban nos petos das accionistas destas eléctricas. Un
negocio redondo” recrimina Rego.
Galiza, Euskal Herria e os Països Catalans carecen da soberanía “que
precisamos para enfrontar a estafa eléctrica e os seus responsábeis”. Os
parlamentos e gobernos están atados a un Estado español “que permitiu e permite
esta estafa eléctrica sen levar a cabo medidas estruturais”. “Négansenos as
ferramentas e instrumentos propios para poder intervir no mercado e poder
plantar cara ás eléctricas” enfatiza o deputado nacionalista.
Por todo isto, “responderemos xuntos á chantaxe das
eléctricas. Chamamos a cidadanía vasca, galega e catalá a responder á extorsión
uníndonos nun apagamento eléctrico masivo e unha gran cazolada o próximo día 8
de outubro, sexta feira, entre as 22.00 e as 22.30 horas”. Da mesma maneira
convidan os sindicatos, municipios, axentes sociais e todo tipo de asociacións
a que secunden esta iniciativa para enviar unha clara mensaxe desde as nosas
nacións.
“A falta de soberanía enerxética sáenos moi cara a
galegos, catalás e vascos. É hora de que, na construción das nosas nacións,
avancemos tamén para a soberanía enerxética que nos permita contar con sistemas
propios, que permitan establecer e regular tarifas propias, como a “Tarifa
Eléctrica Galega” que reivindica para Galiza o BNG, que compense aos territorios
produtores e excedentarios dos custos sociais e medioambientais que soportan.
Debemos romper co oligopolio imposto para construír desde o público sistemas
xustos que respecten o ben e dereito esencial que é a electricidade” subliña
Néstor Rego. Departamento de comunicación