SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, anunciou hoxe que o
Comité Nacional Galego abordará o venres a convocatoria do XIV Congreso
do PSdeG, un órgano do que ten que saír “un partido forte e
revitalizado” que está chamado a xogar “un papel fundamental” para
Galicia nestes tempos de reactivación.
Fronte a estatua do fundador do PSOE, Pablo Iglesias Posse, no
compostelán parque de Vite, Gonzalo Caballero confirmou que cando se
abra o proceso congresual presentará a súa candidatura á reelección como
secretario xeral “para seguir traballando a carón da militancia” nun
proxecto “centrado nos intereses das galegas e dos galegos” e coa
prioridade “no progreso e no benestar da cidadanía”.
Cun chamamento á “integración” e á “unidade”, dende o convencemento
de que “é momento de traballar en clave colectiva” e non pensando “en
calquera outra clave”, o líder das e dos socialistas galegos defendeu
“un proxecto galeguista, feminista, ecoloxista e de esquerdas”.
“Estes catro sinais de identidade que, ao longo dos últimos catro
anos, marcamos dende a dirección do partido son os elementos motores
para conseguir unha Galicia mellor”, apostilou Gonzalo Caballero, quen
engadiu outras características do seu proxecto como “o comportamento
ético e a exemplaridade no público” como vía para dar aos galegos e
galegas “confianza nos seus representantes”.
Así pois, dende o convencemento de que “non é momento de pensar en
nós mesmos” senón “nos retos da reactivación de Galicia”, o secretario
xeral apelou, como xa fixera de cara ao congreso federal do PSOE, “á
integración e á unidade”. “Hai espazo para todos, todos os e as
socialistas somos necesarios”, afondou.
"Integración, unidade, fortaleza"
Nese senso, Gonzalo Caballero garantiu “unha liña de traballo de
integración, de fortaleza e de unidade a carón da militancia do partido
para conseguir facer fronte aos retos do futuro”, toda vez que “cada un
de nós ten un espazo de traballo” e “remar en clave de integración será a
mellor receita para que o PSdeG siga avanzando”.
“Cando estamos xuntos somos imparables”, valorou o dirixente
socialista e, coa vista posta no congreso que se celebrará “no horizonte
do mes de decembro”, incidiu en que “o PSdeG é útil á xente cando ten a
capacidade de traballar e dar solucións e respostas” aos problemas da
cidadanía. Por iso, Gonzalo Caballero reiterou que “temos que pensar nos galegos
e nas galegas, que non nos perdoarían ningún tipo de despiste ou
distracción porque o que importa agora mesmo é a reactivación”.
O PSdeG "avanzou" nestes catro anos
Así as cousas, o responsable do PSdeG puxo en valor que o proxecto
que “plantamos hai catro anos xerminou e necesitamos tempo para que
floreza e dea froitos” no sentido de “impulsar unha Galicia de vangarda,
progresista e de futuro” logo de mellorar en todas as convocatorias
electorais nestes anos.
Por iso, avanzou que continuará traballando a prol da “defensa da
igualdade, da xustiza social, do feminismo, do ecoloxismo” e, por riba
de todo, na protección “da cidadanía que está nunha situación máis
vulnerable”.
Durante a súa intervención, o dirixente socialista lembrou que o
PSdeG “avanzou e consolidou posicións” dende o ano 2017. “O proxecto que
plantexamos hai catro anos permitiu avanzar ao PSdeG e todo o mundo o
recoñece; hoxe temos máis músculo e capacidade”, xa que “avanzamos en
apoio electoral en todas as convocatorias: xerais, europeas, municipais e
tamén autonómicas”, reivindicou Gonzalo Caballero.
Municipais e xerais, retos en 2023
Agora, incidiu, “temos o reto de seguir facendo as cousas cada vez
mellor para gañar máis impulso e forza”, porque “o noso reto é servir
aos galegos e ás galegas”.
E coa vista xa posta no futuro, Gonzalo Caballero aludiu ás próximas
citas electorais. “Con lealdade e unidade, o PSdeG estará nas mellores
condicións para volver acadar resultados históricos nas eleccións xerais
e nas eleccións municipais de 2023”, proclamou. Departamento de comunicación