SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa visita a CONXEMAR para
trasladar o apoio do BNG á demanda do sector de aplicar un IVE mínimo do 4% ao
peixe. Tal é así, explicou, que o Bloque ven de conseguir o apoio do Parlamento
a unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a reclamar ante o Goberno
central a aplicación do IVE súper reducido aos produtos do mar.
“Galiza é unha nación pesqueira polo que
esa medida sería moi beneficiosa tanto desde o punto de vista dunha
alimentación saudable como tamén desde o punto de vista económico dun sector
que é clave para o País pola súa capacidade de xerar riqueza e emprego directo”,
salientou Pontón desde o IFEVI, onde fixo un percorrido pola feira acompañada
polos organizadores.
A líder do Bloque afondou na súa
argumentación a favor desta medida, alegando que é máis necesaria ca nunca
neste momento de crise, “pola caída dos ingresos en moitas familias”, o que
dificulta o acceso a un produto que é “esencial” nunha alimentación equilibrada.
Neste sentido, o BNG defende un IVE
súper reducido para o peixe, “porque axudaría a mellorar a alimentación dos
sectores máis vulnerables e da poboación en xeral, e axudaría a recuperar un
sector que tamén está moi afectado pola crise”, alegou.
No países europeos do entorno, hai
moitos exemplos de IVE ao peixe inferior ao que se aplica en Galiza, como é o
caso de Alemaña, Francia, Bélxica, Portugal e Inglaterra, que non aplica este
imposto ao pescado.
Unha das leccións que deixa a pandemia é
a importancia de producir alimentos de calidade, que teñan garantías na súa
trazabilidade. Esa calidade é unha garantía para a saúde da poboación e os
produtos do mar son parte esencial da dieta atlántica e dunha alimentación
saudable.
A líder do Bloque trasladou os seus
parabéns aos organizadores de CONXEMAR, certame de referencia con 21 anos de
celebración, escaparate e punto de encontro dun sector que aglutina a máis dun
cento de empresas galegas e xera miles de postos de traballo directos, “unha
lonxevidade acorde coa fortaleza do sector do conxelado de produtos do mar para
Galiza, con empresas referentes tanto dentro como fora das nosas fronteiras”,
concluíu Pontón.
Na visita guiada da man dos responsables
da feira, a líder do Bloque puido coñecer as últimas novidades e innovacións do
sector nun percorrido polos stands no
que tamén participou a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda; e as deputadas por
Vigo Carmela González e Alexandra Fernández. Departamento de comunicación