MUROS | A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, deputadas nacionalistas
Rosana Pérez e Carmela González, -integrantes da Comisión de Pesca do
Parlamento galego- e o deputado Daniel Pérez salientaron a necesidade de
incrementar a defensa do sector pesqueiro galego nas diferentes
institucións, ao tratarse dun sector estratéxico na economía do país que
precisa “de todo o noso apoio.
“A pesca artesanal e o marisqueo son actividades singulares e
sustentábeis da nosa economía, que xera miles de postos de traballo
directos e indirectos, polo que seguiremos presentando iniciativas que
dean resposta as súas demandas”, salientaron durante a xuntanza que
mantiveron na Confraría de Pescadores de Malpica, na que tamén
participaron representantes do Bloque desta localidade. Esta visita
enmárcase no percorrido realizado polas nacionalistas pola Costa da
Morte, que deu comezo cos encontros na Confraría de Pescadores de
Malpica e coa Federación Galega de Redeiras O Peirao, e continuou con
encontros nas Confraría de Fisterra e de Muros.
Nos encontros coas confrarías, as nacionalistas respaldaron a
proposta do sector para que na explotación mercantil dos recursos
mariños sexan estabelecidos uns prezos mínimos para determinados
produtos da pesca e o marisqueo, como xa é aplicado ás Organizacións de
Produtores de Pesca-OPP e a tan demandada rebaixa do IVE do peixe. Estes
dúas ferramentas permitirían garantir uns ingresos sostibles para toda a
xente do mar. Asemade, na reunión celebrada en Malpica tratouse
dos problemas de seguridade do dique, situación que vai ser debatida no
Parlamento de Galiza o vindeiro 19 de outubro.
Igualdade na pesca
Por outro lado, Ana Miranda, Rosana Pérez,
Daniel Pérez e Carmela González mantiveron un encontro coa presidenta da
Federación Galega de Redeiras O Peirao, Verónica Veres, para coñecer polo miúdo os problemas do
colectivo das 600 redeiras galegas, referidos en boa parte na súa loita a
prol da igualdade no sector pesqueiro, o recoñecemento de doenzas
profesionais propias do oficio de redeira, o coeficiente redutor e a
loita contra o intrusismo.
“É necesario abordar a totalidade dos
problemas do sector pesqueiro, do que en Galiza dependen miles de
familias, porque o desleixo do goberno galego e estatal non fan máis que
afondar nos nosos problemas económicos”, salientaron as nacionalistas.
“Seguiremos traballando para dar a coñecer a situación da pesca galega e
defender os intereses do sector”, subliñaron. Departamento de comunicación