SANTIAGO DE COMPOSTELA | Á
espera de que o proxecto de orzamentos chegue ao Parlamento, a portavoz
nacional, Ana Pontón, fixo unha primeira valoración sobre o avance difundido
polo Goberno, que lle leva á líder do BNG á conclusión de que o presidente da
Xunta é “o último mohicano do neoliberalismo de Trump”, empeñando en baixar
impostos beneficiando ás rendas altas mentres que, por contra, as arcas
públicas perden ingresos que necesita para manter os servizos públicos ou para
a recuperación.
“Cando todo mundo, mesmo o presidente
Biden ou entidades como a OCDE, di que os que máis teñen son os que máis deben
pagar, o señor Feixóo é como unha especie de kamikaze que conduce en dirección
contraria e o que aporta nestes orzamentos son agasallos fiscais para os que
máis teñen”, indicou Pontón, “porque se calculamos a repercusión que a baixada
do IRPF terá na maioría dos galegos e das galegas resulta que é menos de 4€/mes,
esa é a gran rebaixa fiscal anunciada por Feixóo”.
Con este dato, a líder do Bloque
pregúntase “de que valen eses catro euros máis se despois se recorta en
sanidade, en educación, na atención aos nosos maiores ou no mantemento dos
servizos públicos?”, concluíndo que a maioría da cidadanía “prefire ter catro
euros menos no peto e que a cambio non haxa listas de espera en atención
primaria, que teñan servizos públicos fortes, mellores infraestruturas ou un
modelo de residencias público”.
Pontón salientou que Galiza non
precisa “unha política fiscal regresiva” senón “redistributiva” da riqueza, que
permita facer fronte ao reto da recuperación tras a pandemia. A portavoz
nacionalista fixo referencia ás declaracións do xefe do Executivo, indicando
que pretende facilitar o pago de facturas como a luz. “Se realmente quere
abaratar a factura ás familias, o primeiro é deixar de abrazarse ás eléctricas
e apoiar medidas xustas como a tarifa eléctrica galega ou que esas empresas
paguen os impostos en Galiza posto que usan os recurso do País”, alegou.
A líder do Bloque fixo estas
declaracións na Coruña, tras un encontro co comité de empresa de Alu Ibérica,
no que tamén participaron o portavoz municipal, Francisco Jorquera, e o
portavoz parlamentario de industria, Ramón Fernández. Pontón demandou a Goberno
central e Goberno da Xunta que deixen a súa pasividade e adopten a única
solución para garantir a produción e o emprego: intervención pública.
“A situación é crítica, estamos no
tempo de desconto e deben traballar man a man para impedir a perda de 300
empregos directos, para garantir a produción de aluminio e, en definitiva, para
evitar que esta factoría engrose a longa lista de empresas que botan o peche
nunha Coruña e comarca xa moi impactadas pola crise industrial”, explicou.
A intervención é viable e xa se ten
feito noutros casos, indicou, subliñando que este é “un tema central de país”,
que implica a Alu Ibérica pero tamén a todas as empresas da contorna que
precisan aluminio nos seus procesos e que, se pecha a factoría coruñesa, terían
que traer esa materia prima desde fora, o que sería absurdo.
Neste contexto, o Goberno de Feixóo
non pode seguir coa súa pasividade senón que “debe poñerse a traballar”
recalcou, tras avanzar que o Bloque volve levar este asunto ao Parlamento no
próximo Pleno. “Non vale nin a
pasividade nin as mentiras, o persoal está neste punto tras unha venta
calamitosa que avalaron tanto o Goberno do Estado como o Goberno galego e por
iso basta de escusas, o que se precisan son solucións, que existen se hai
vontade política de salvar o emprego e a industria”, argumentou.
“Hai fábrica, hai traballadores e
traballadoras cualificadas e o aluminio é un sector en auxe, por iso non se
entende porqué ambos executivos se pregan á multinacional en vez de defender un
sector estratéxico e con futuro como é a produción de aluminio”, concluíu.