SANTIAGO DE COMPOSTELA | Máis
alá da habitual propaganda na presentación da contas públicas, unha análise das
cifras deixan claro que o proxecto de orzamentos presentado polo Goberno de
Feixóo non é que precisa o País para saír da crise e mostran a un xefe do
Executivo que insiste en “pensar Galiza en pequeno, cando máis se precisa
pensar Galiza en grande”, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón.
“Lamentablemente non son os orzamentos
que se necesitan para a recuperación económica, para un novo modelo económico
baseado na ciencia e no coñecemento, para enfrontar o reto do cambio climático
con decisión; para frear a desertización industrial que ten en risco miles de
postos de traballo; para reforzar os servizos públicos nin para avanzar nun
novo modelo de coidados que aposte unha rede de residencias públicas”,
sintetizou a líder do Bloque tras a Xunta de portavoces.
Tampouco son estas as contas que Galiza
precisa para enfrontar retos estruturais como a crise demográfica, porque nin
hai medidas de calado para desenvolver o medio rural, nin tampouco para traer
de volta ós 200.000 mozas e mozas que colleron as maletas na última década. En síntese, “son uns orzamentos
rutineiros que ignoran que temos que superar a maior crise social e económica en
tempos de paz, que non toman nota das
leccións que nos deixa a pandemia nin no económico, nin no sanitario, nin no
social”, subliñou Pontón, “en definitiva, uns orzamentos cos que Feixóo
demostra que segue pensando Galiza en pequeno cando máis se necesita pensar
Galiza en grande”.
A portavoz do BNG puxo o foco nalgunhas
das propostas máis publicitadas polo Goberno do PP, como a rebaixa do IRPF,
“que vai en contra do carácter distributivo da riqueza que deben ter os
impostos para quedarse en agasallo fiscal para as rendas máis altas mentres que
ten un efecto irrelevante nas rendas das familias e dos e das traballadoras con
salarios que están por debaixo da media estatal”, indicou.
De feito, a baixada do IRPF supón menos
de 4€/mes para as rendas medias e baixas, pero implica detraer centos de millóns
de euros das arcas públicas para financiar servizos sociais, servizos públicos
ou a recuperación económica. “De verdade pensa o señor Feixóo que 4€/mes lle
soluciona algo ás traballadoras e traballadores? E por contra, supón deixar de
ingresar uns recursos que se necesitan para reforzar os servizos públicos, a
sanidade ou crear emprego”, alegou. De feito, até a propia Consellería de
Facenda elude dar os datos da pírrica repercusión da rebaixa fiscal nas
maiorías sociais.
O Bloque tamén convida a analizar as
cifras máis aló da propaganda con se adornan na presentación, para comprobar
que están lonxe de ser uns orzamentos históricos. Unha propaganda que a líder
nacionalista concretou en tres mentiras.
A primeira é que o que se presenta como un presuposto histórico non é
tal, porque descontados os 220 M€ correspondentes ao IVE de 2017, a contía é
inferior á do pasado exercicio, “é máis se traducimos a euros constantes este orzamento
é inferior ao de fai doce anos”, destacou Pontón.
A segunda mentira esta na afirmación de
que inclúe un gasto social tamén histórico, cando en realidade o incremento das
partidas corresponde en gran medida á actualización dos salarios dos e das
traballadoras, subida que o BNG apoia pero que non pode facerse pasar por gasto
social. E, como terceira mentira, indicar que se reduce o endebedamento, tras
triplicar a débeda pública. Desde a formación nacionalista xa se avanza a
presentación dunha emenda á totalidade. Departamento de comunicación