SANTIAGO DE COMPOSTELA | O
BNG somete a debate no próximo Pleno do Parlamento unha proposición non de lei na
que reclama o rescate da concesión da AP9, despois de que a Comisión Europea
declarase ilegal as sucesivas prórrogas
aprobadas desde 2013, a última de 25 anos baixo o Goberno de Aznar,
autor tamén da privatización a prezo de saldo e co actual presidente da Xunta
como conselleiro de infraestruturas.
“O BNG sempre denunciou que as peaxes da
AP9 son unha estafa e unha discriminación con Galiza, de aí a súa persistente
reclamación dunha autoestrada galega e libre de cargas. Pero agora temos un
elemento novo sobre a mesa moi substancial: O goberno europeo declara que a
concesión actual é ilegal e iso implica que os galegos e as galegas pagaron 1.091M€
de xeito ilegal á AUDASA”, argumentou Pontón.
Para o Bloque, esta declaración de ilegalidade
“só pode ter como desenlace a cancelación da concesión e o rescate para ter
unha AP9 libre de peaxes, como xa o son as autoestrada coetáneas”, indicou a
líder nacionalista, quen ve nesta iniciativa parlamentaria unha “oportunidade
de que PP e PSOE rectifiquen e se poñan do lado de Galiza apoiando esta
proposta, en lugar de adoptar unha posición partidista ou de seguidismo do que
se decide en Madrid”.
As concesións son ilegais e ambos
executivos, tanto o Goberno central como o goberno galego, “deben traballar
para anulalas e rescatar a AP9, sobre todo tendo en conta que a autoestrada
está requeteamortizada”, recalcou.
Pontón avanza que o BNG non vai aceptar o argumento de que o rescate non é
posible, porque xa se fixo con outras vías de alta capacidade.
“O Goberno rescatou as radiais madrileñas por máis de
4.000 millóns de euros, por tanto non se entendería
que agora PP e PSOE puxeran problemas cando se trata dunha autoestrada
galega. Ao contrario, en todo caso, débenlle unha desculpa os e as galegas por
unha decisión que tivo e ten un custe moi elevado nas súas economías e na do
País, unha decisión que agora, ademais, sabemos que é ilegal”, conclúe. Departamento de comunicación