A CORUÑA | Valentín González Formoso fixo hoxe na Coruña un chamamento á militancia para a participación masiva o próximo sábado, 30 de outubro, nas Primarias para a Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE. O candidato, que foi presentado pola alcaldesa herculina, Inés Rey, quere mobilizar “aos compañeiros e compañeiras socialistas para, entre todos, conseguir un PSdeG forte que aspire a gobernar Galicia”.
Formoso afirmou que “non só nós, os e as socialistas, queremos un PSdeG forte, Galicia necesita dun PSOE forte que sexa alternativa clara ao goberno de Feijoo” e salientou que “non nos podemos conformar con superar ao BNG e ser segunda ou terceira forza política, temos que gobernar para cambiar a vida das persoas”. “Non podemos ser o furgón de cola da política galega. Este sábado toca escoller entre continuar a ser irrelevantes no Parlamento de Galicia ou colocar ao PSdeG no lugar que merece, escoller entre a resignación e a ilusión, entre quedarnos como estamos ou que sumemos para que Galicia avance”, subliñou.
González Formoso destacou que “é o momento de sumar para avanzar, de manter o espírito que se viviu no congreso federal, que foi o da unión, o da reactivación do ideario socialista e que demostrou que cando o partido fai a súa función principal, que é ser un instrumento ao servizo da sociedade, e cando hai unión e ilusión entre a militancia o PSOE é imparable”. Departamento de comunicación