SANTIAGO DE COMPOSTELA | Apenas unha horas despois de recibir o
apoio da militancia, a nova Executiva Nacional mantiña a súa primeira reunión seguida
dunha foto de familia e comparecencia da reelixida portavoz nacional, dun BNG
máis forte e máis unido, que se fixa como gran reto liderar o Goberno de Galiza
en 2024. “Somos máis BNG que nunca”, sintetizou a líder nacionalista, Ana
Pontón.
Tras a reunión, afondou nos argumentos
que esgrimiu ante o plenario da XVII Asemblea Nacional, marcando como reto a
Presidencia da Xunta ensanchando a base social do nacionalismo para disputarlle
a hexemonía ao PP, cun proxecto ganador capaz de chegar a maioría social. “Quedan tres anos por diante de intenso
traballo para facer realidade o gran obxectivo: darlle a Galiza o primeiro
goberno coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas e
poñer en marcha unha Galiza en grande, máis xusta, máis igual, máis feminista, con
benestar social, na que vivir e traballar”, proclamou, tras trasladar, en nome
da nova dirección, o agradecemento á militancia pola confianza depositada.
“Grazas á militancia polo seu apoio, polo seu calor e
entusiasmo e grazas pola confianza depositada. Sei que imos dar o mellor de nós
mesmos, de nós mesmas para estar á altura, deixarnos a pel para ir a por todas
e facer historia”, recalcou, convencida de que é posible lograr a Presidencia porque
cada vez son máis ás persoas que ven no BNG o seu referente de futuro.
“Temos a responsabilidade de construír
un proxecto gañador, un proxecto de maiorías. É posible e imos demostralo,
sumando a cada vez máis cidadanía a este proxecto de País, porque cada vez son
máis as persoas que ven en nós a súa alternativa, a mellor ferramenta para
construír esa outra Galiza posible”, argumentou.
Preguntada por que o BNG non se define
como independentista, a líder do Bloque subliñou que a formación está no
ideolóxico “onde sempre estivo” e medra en apoio social sen renunciar a ningún
dos seus principios, senón grazas a saber facerse entender. Pontón mesmo
destacou que a claridade da formación nacionalista á hora de definirse é tal
que vai no propio denominación da formación.
“Os nosos principios son tan claros que
os levamos no nome, porque somos o Bloque Nacionalista Galego, o que significa
que somos unha forza nacionalista e estamos no mesmo lugar no que sempre
estivemos. É evidente que Galiza é unha nación e defendemos que canta máis
capacidade de decisión teñamos, canta máis soberanía para defender os nosos
intereses como País, mellor”, argumentou.
O Bloque “non se moveu de onde estaba”,
reiterou, “e cando unha forza política pon no seu propio nome o que é estase
dirixindo con toda a claridade á sociedade”. Pontón presumiu dun BNG “capaz de chegar cada
vez a máis sectores sociais, capaz de atraer a cada vez máis cidadanía e temos
que seguir medrando disputándolle a hexemonía ao PP coa vista posta en
conseguir liderar o Goberno deste País, porque somos a alternativa real ao PP”.
Avanzar con pé firme
Como xa fixera na súa intervención na
asemblea, destacou que nese camiño cara a Presidencia da Xunta hai fitos
importantes, que van desde ensanchar a base social do nacionalismo, “para
avanzar con pé firme” sumando cada vez máis persoas de todos os ámbitos e de todos os sectores. A,
igualmente, avanzar nos concellos para trasladar o modelo de gobernos de
calidade do BNG a máis vilas e cidades. E, desde logo, incrementar a representación
en Europa e ante o Goberno do Estado, na Eurocámara e no Congreso, “porque se o
BNG está, Galiza está e cada vez é máis a cidadanía que se dan conta que cando
deciden por nós, perdemos”.
E temos moitos exemplos de como o País perde
cando deciden desde o centralismo: perde cando deciden sobre o noso sistema
enerxético; sobre as infraestruturas como no caso da AP9 e a estafa das peaxes;
perde cando a chave dos nosos cartos
están en Madrid. En definitiva, cando deciden por nós o País perde, “e o BNG
quere que Galiza gane”, concluíu. Departamento de comunicación