SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, visitou unha explotación láctea en Sarria nun
momento de caída dos prezos do leite que, ademais, coincide cun incremento dos
custes de produción, tanto pola suba da factura da luz como de materias primas
e alimentarias básicas, poñendo en risco un sector que é fundamental para a
economía e para a preservación do medio rural.
A líder do Bloque identificou tres
graves ameazas que para a viabilidade de moitas explotacións: os baixos prezos
que a industria está pagando aos gandeiros e gandeiras, o incrementos dos
custes de produción e a práctica das cadeas de distribución de vender a perdas
utilizando o leito como produto reclamo. “Estas tres ameazas son unha tormenta
perfecta que pon en apuros a moitas explotacións lácteas”, indicou.
Ante esta situación, destacou, o Goberno
de Feixóo non pode mirar para outro lado senón que debe aportar solucións e,
neste sentido, avanzou catro propostas do Bloque en defensa do sector, das que o
Executivo do PP debería tomar nota.
Para empezar, convocar á industria e a
produtores e produtoras, “sentalos na mesma mesa” e conducir a negociación que
permita poñer fin a caída de prezos, “porque non pode ser que teñamos o mellor
leite do Estado, pero cos prezos máis baixos, unha inxustiza a que hai que
poñer fin”, alegou. Para iso, urxe “transparentar” os prezos do leite e
garantir que non van estar por debaixo do que custa producir. “A que espera á
Xunta?”, interpelou.
En segundo lugar, o Bloque demanda do
Goberno de Feixóo que actúe sobre as cadeas de distribución alimentaria e faga cumprir
a lei que impide a práctica de usar o leite como produto reclamo tirando
prezos.
Como terceira proposta, o BNG aposta
pola mobilización de terras para ampliar a superficie das explotacións
agrogandeiras, en concreto fixa como obxectivo mobilizar 100.000 hectáreas de
superficie agraria útil de aquí ao 2030, o que tamén permitiría que o sector
tivese máis axudas da PAC, pois o factor da extensión da explotación xoga a
favor.
Finalmente, a líder nacionalista puxo o
foco en mellorar a competitividade das explotacións a través da investigación e
da eficiencia enerxética. Non ten sentido que o rural sume 4.500
aeroxeneradores, sen recibir ningún beneficio sobre a factura da luz, indicou, que
cada vez é máis cara mentres o lobby
eléctrico engorda beneficios. A tarifa eléctrica
galega é unha medida que permitiría abaratar custes nun País rico en
electricidade.
Medidas concretas que o Goberno galego
debe poñer en marcha a favor do sector, destacou Pontón, tras subliñar que, desde
que Feixóo goberna, pecharon a metade das explotacións lácteas: en 2008 había 13.349 explotacións lácteas, hoxe hai 6.768 e 17.400 empregos menos. “Un balance
desastroso que irá a peor se Feixóo segue cruzado de brazos, cando debería
traballar para reverter esta situación porque temos a obriga de darlle futuro
ao rural, pero para iso o Goberno ten que tomar as rendas e deixar de tirar
balóns fora”, concluíu.
Visita ao Club Baloncesto Sarria
Pontón
completa a súa axenda cunha visita ao Club de Baloncesto Sarria, onde ela mesma
xogou como pivot, o que lle permitirá
intercambiar opinións coas actuais xogadoras. “O deporte de base é moi
importante, e hai que animar nesa dirección, porque o deporte é unha vía de
desenvolvemento persoal pero tamén para avanzar na igualdade das mulleres”,
indicou.
Preguntada
polo feito de que o seu primeiro acto tras a asemblea nacional sexa en Sarria,
a súa vila natal, Pontón indicou que debe ser “unha desas causalidades do
destino que sexa aquí e que sexa no rural, eu tamén medrei nunha explotación
gandeira, sei o cariño e o esforzo que hai detrás de cada explotación e, desde
logo, estou moi orgullosa das miñas raíces”, confesou. Departamento de comunicación