SANTIAGO DE COMPOSTELA | A Agrupación Provincial Socialista da Coruña estivo hoxe presente e respaldou en Santiago a manifestación en defensa da sanidade pública. Na protesta, os socialistas fixeron fincapé en esixir á Xunta de Galicia que dote de máis medios á Atención Primaria. “Esta marcha debiámoslla á sociedade galega, a pacientes e usuarios que despois de ver o abismo na pandemia continúan a estar moi distanciados do seu centro de saúde”, manifestou Valentín González Formoso, secretario xeral do PSOE Provincial.
Os socialistas recalcaron ademais o esforzo nestes meses do persoal da sanidade pública galega. “Os profesionais sanitarios puxeron o corazón e a vocación nun momento moi difícil para a sociedade, como foi a pandemia”, engadiu Formoso. Neste senso, os socialistas denunciaron o desmantelamento da sanidade pública galega provocado polos continuos recortes do Partido Popular na Xunta de Galicia. “Con case 1.000 médicos menos que en 2019 debemos esixir á que dote de orzamentos á Atención Primaria e garanta o servizo sanitario presencial”, subliñou o líder dos socialistas.
“O Partido Popular é sinónimo de listas de espera, menos persoal e unha Atención Primaria desatendida. Por iso recalcamos a necesidade dunha sanidade pública digna para os usuarios e os profesionais, sen privatizacións especuladoras, sen listas de espera e con profesionais sanitarios valorados e implicados”, engadiu.
Os socialistas recalcaron ademais a urxencia de retomar a atención presencial nos centros de saúde. “Non é posible que poidamos ir a grandes eventos mentres lle negamos aos cidadáns acudir ao seu centro de saúde con normalidade”, rematou González Formoso. Departamento de comunicación