SANTIAGO DE COMPOSTELA | Se
os orzamentos son o DNI dun goberno, as contas públicas de 2021 mostran un
Executivo de Feixóo sen ambición, que non aporta solucións para axudar a
superar a crise, que non reforza os servizos públicos e que son inxustos tanto
no social como no fiscal, pois recorta investimento en inclusión e políticas de
igualdade e canto máis alta é a renda, maior é a baixada de impostos.
“Son os presupostos dun presidente
empeñado en pensar Galiza en pequeno, cando máis se precisa pensar Galiza en
grande; que nun momento extraordinario presenta unhas contas ordinarias, uns
orzamentos deseñados para levarnos cara atrás, ao pasado da vella normalidade,
en lugar de levarnos cara o futuro”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón,
que defendeu a emenda á totalidade presentada polo BNG. Para a líder nacionalista, estamos ante
unhas constas pública “inútiles” para saír da crise e afrontar os grandes retos
que o País ten por diante, no económico, no social e no ambiental.
“Son uns orzamentos inútiles para sentar
as bases dun modelo económico desde a ciencia e a investigación, para frear a
desertización industrial, para reforzar os servizos públicos, para avanzar no
coidado das persoas maiores desde residencias públicas e inútiles para darlle
un futuro á xente nova e traer de volta aos 200.000 mozas e mozas emigrados,
cando sería o mellor antídoto contra a brutal crise demográfica do País”,
denunciou. En definitiva, subliñou, “son as contas dun PP atrapado no pasado en
lugar de ter un proxecto de futuro”.
Pontón tirou de datos para ir
desmontando a versión propagandística difundida desde o Goberno popular. Para empezar, o orzamento nin é
expansivo, nin histórico, pois descontados os 211 millóns de euros do IVE de 2017 é inferior ó do pasado exercicio e,
descontada, a inflación, hai 1.856 millóns menos que os dispoñibles en 2009. E isto,
pese a que o Executivo de Feixóo triplicou a débeda, que hoxe é de 14.258 millóns e equivale ao 20,78% do PIB, fronte ao 8,6%
de 2009.
“Xa virán as futuras xeracións a
pagar”, sintetizou Pontón quen, ademais,
se preguntaba en que se gastou, “desde logo non foi para reforzar a sanidade,
nin para construír residencias da terceira idade, nin para salvar empresas en
crise”. De feito, a líder do Bloque puxo o foco sobre a falta de propostas para
o sector industrial, cunha pregunta: “En que parte deste orzamento está a
partida para a sufragar a intervención pública de ALCOA para garantir o futuro
da Mariña? Non a busquen que non a encontrarán”. Pontón foi
especialmente crítica coa política fiscal que recollen estes orzamentos,
recriminando que Feixóo, a modo de “trumpismo”
sen Trump, repita a vella receita de baixarlle aos ricos.
A farsa fiscal do PP
“Canto máis alta é a
renda, maior beneficio fiscal. Quen perciba unha base liquidable inferior a 20.200 euros, aforra 20euros/ano; en cambio, se esta entre 60.000 e 100.000, a rebaixa é de
495 euos, 25 veces máis! Para situarnos, só un 2,56% dos e das galegas superan os
60.000 euos líquidos anuais. “Nisto consiste a rebaixa fiscal do PP, que sería
mellor chamar farsa fiscal ou inxustiza fiscal”, criticou, tras deixar claro
que o BNG está no lado contrario, “quen máis gana, debe pagar máis”.
No repaso das cifras,
puxo o foco nos recortes en sanidade, “pois teñen a cara dura de baixar a
partida de atención primaria”, o que cualificou de “indecente” coas persoas usuarias
e cos profesionais da sanidade pública “aos que tanto lle debemos”. Pero o
logro do PP foi crear listas de espera para ter consultas presenciais coa
médica de cabeceira, e todo iso mentres se sigue drenando recursos para o
sector privado.
No ámbito social, lamentou
os recortes en igualdade, conciliación e inclusión nunha Galiza con 694.367
persoas en risco de pobreza ou exclusión social. E que, pese á pandemia, non
haxa ningún cambio nun modelo que fai negocio coa vellez pois segue drenando
recursos públicos , 74 millóns. Educación é outra das áreas nas que o PP rega o
sector privado con millóns de euros, - 264-, mentres se recorta no ensino
público en partidas como transporte e comedores escolares, e se conxela a
formación profesional. Hoxe hai 2.400 profesores e profesoras menos no ensino
non universitario. De novo, as contas de
2022 inclúen recortes en normalización lingüística e cultura, de tal xeito que a Xunta destina 27.000 euros diarios a manter aberta a CDC,
“máis cartos para os edificios que para os creadores e as creadoras de cultura
que soportan a crise”, criticou.
En vivenda, partidas zombie
En vivenda, a política de Feixóo é inexistente, con partidas
zombi que non se executan, pese a ter Galiza unha das taxas de emancipación
máis baixas do Estado. E outro tanto pasa coas partidas destinadas á promoción
do emprego, cun nivel de execución moi baixo nun País marcado pola emigración,
pola baixa taxa de actividade e pola precariedade, ao que se suma que os
últimos datos marcan unha tendencia negativa do mercado laboral.
Pese á crise industrial, non hai medidas de calado nin para
rescatar Alcoa, nin ningunha outra empresa nun sector que perdeu 14.700 postos
de traballo e que ten miles de empregos en risco polos custes enerxéticos nunha
Galiza rica en electricidade. Pero o custe de pagar os intereses da débeda é
catro veces máis alto que o orzamento para a política industrial.
Tampouco se aportan medidas para afrontar o reto ambiental, a
emerxencia climática, a xestión de residuos ou do ciclo da auga, máis aló dunha
proxectada nova Lei do ciclo da auga que suporá un incremento no prezo dun ben
básico. O BNG aposta pola transición enerxético, “pero iso non pasa por un boom
eólico depredador a favor dos lobbys económicos amigos do PP”, senón por poñer
a riqueza de Galiza ao servizo da maioría social. E desde logo, hai que poñer
en marcha un novo modelo económico con base na ciencia e na investigación,
xusto o contrario do que leva facendo o Executivo de Feixóo na última década con
niveis mínimos de investimento en I+D+i.
“Estes orzamentos son
inútiles para o momento actual, non aporta solucións e por iso presentamos unha
emenda á totalidade, sabendo que van aplicar o seu habitual rodillo
absolutista. Pero, cando menos, señorías do PP, teñan a humildade e a
intelixencia de negociar co BNG as emendas parciais para darlle a Galiza unhas
contas públicas útiles para o reto de saír da crise”, concluíu Pontón. Departamento de comunicación