A CORUÑA | O
presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José
María Gómez y Díaz-Castroverde,
presidiu hoxe o acto solemne de xuramento ou promesa ante a Sala de
Goberno dos catorce xuíces e xuízas destinados a Galicia procedentes da
70ª promoción da Escola Xudicial. Os novos membros da carreira xudicial,
durante a cerimonia na que formalizaron o seu
compromiso coa Constitución, destacaron a súa implicación na mellora da
sociedade. O presidente do alto tribunal galego lembrou que, como
garantes do Estado de Dereito, deben desenvolver a súa actividade
profesional con “independencia, imparcialidade e integridade”.
Ademais,
advertiunos da necesidade de seren autocríticos e de teren “unha gran
capacidade de empatía”,
imprescindible para “saber escoitar e posicionarse ante quen se atopa
en situación de vulnerabilidade”, á vez que recalcou a importancia de
que os xuíces e xuízas se comprometan fronte á desigualdade e actúen
“con perspectiva de xénero”. Díaz-Castroverde tamén
lles pediu colaboración para conseguir o obxectivo de que os membros da
carreira xudicial de Galicia logren “unha utilización global e efectiva
de todos os medios tecnolóxicos” ao seu alcance.
A
xuíza Raquel López López e o xuíz Esteban Basalo Moreno, que foron
quinta e décimo terceiro da 70ª
promoción, e primeira e segundo dos destinados a Galicia, interviñeron
no acto en representación dos seus compañeiros. Ambos lembraron o
“esforzo, vontade e constancia” que necesitaron para aprobar as
oposicións. “Eliximos dedicar as nosas vidas a unha profesión
bonita, pero á vez esixente e que implica unha gran responsabilidade;
unha profesión na que a gana de aprender e a ilusión polo traballo que
desempeñamos deben ser as nosas grandes aliadas”, sinalou López.
Basalo, pola súa banda, incidiu no compromiso que os
membros da carreira xudicial adquiren coa cidadanía: “Seremos as xuízas e
os xuíces que a sociedade espera de nós”, indicou.
Ao
acto, ademais da Sala de Goberno do TSXG, o fiscal superior de Galicia,
Fernando Suanzes, e o vogal
do Consello Xeral do Poder Xudicial Antonio Ballestero Pascual,
asistiron representantes de colexios profesionais, autoridades civís e
militares e familiares dos novos membros da carreira xudicial. Departamento de comunicación