SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, e a portavoz parlamentaria de dereitos sociais,
Olalla Rodil, presentaron a Proposición de lei para un novo modelo de residencias baixo a premisa de garantir unha
vellez digna ás persoas maiores, calquera que sexan as súas circunstancias
económicas e sociais, e desde o criterio de que non son meros usuarios e
usuarias senón suxeitos de dereitos.
“A mellor opción é despregar unha
batería de medidas que permita ás persoas maiores desfrutar desa etapa vital
nas súas casas, no seu fogar. Pero cando no sexa posible, deben dispoñer dun
modelo de residencias públicas capaz de garantir o dereito a unha vellez digna”,
salientou a líder nacionalista na presentación dun texto lexislativo
estruturado en catro títulos e con máis dunha corentena de artigos.
O BNG, destacou Rodil, considera un “imperativo
ético e democrático” tomar nota do que pasou nas residencias na pandemia e
poñer en marcha un modelo alternativo ao sistema actual absolutamente
privatizado en mans de multinacionais, que mesmo operan desde paraísos fiscais,
ou de entidades relixiosas. “De feito, Galiza ten a porcentaxe de prazas
públicas máis baixo de todo o Estado pese ao elevado envellecemento da
poboación con máis do 25% por riba dos 65 anos”, indicou a deputada.
Neste contexto, o Bloque propón
planificar e avanzar nun sistema de residencias público, tanto na titularidade
como na xestión, con centros de menor tamaño e primando o confort das persoas
maiores; aumentar os rateos de persoal por categorías, cun servizo de
inspección eficiente e específico e cunha xestión transparente para que calquera
cidadán interesado acceda á información dispoñible sobre o funcionamento,
servizos, axudas, inspeccións e sancións de cada residencia do País.
Entre as propostas do texto lexislativo
do BNG, o título primeiro que regula os requisitos materiais dos centros recolle
que as residencias non deben superar as cen prazas, que o 90% das mesmas como
mínimo deben ser individuais, estruturadas en módulos de 25 residentes máximo e
20 en caso de centros con persoas dependentes. Tamén que deben estar integradas
nos núcleos urbanos ou rurais non en lugares illados, e en zonas libres de
ruídos, de agresións ambientais e, na medida do posible, próximos a espazos que
faciliten o lecer, como parques ou zonas verdes.
O título segundo da proposición de lei
establece o modelo de atención, “que debe ser integral, garantía de dereitos e
respectuoso coa dignidade das persoas”, sintetizou Pontón. No concreto, un plan
de atención individualizado para cada usuario no que se faga unha valoración
integral, se establezan obxectivos, medidas para conseguilos e un acaído
seguimento por parte dunha persoa de referencia que actúa como enlace coa
familia. O criterio é que debe ser o centro quen se adecúe aos maiores e non ao
contrario, polo que tamén se inclúe a posibilidade de personalizar a súa
habitación levando mobiliario propio para manter no posible sensación de fogar.
O título terceiro regula a supervisión,
inspección e o réxime sancionador co obxectivo de conseguir a máxima
transparencia e información das residencias. Neste sentido, o texto do BNG
propón establecer un censo único de persoas usuarias e a creación dun corpo de
inspección específico para as residencias cos medios humanos e técnicos
suficientes. “Hoxe apenas hai unha ducia de inspectores para 21.944 prazas en
380 centros, que ademais deben atender a todos os centros de carácter social
como, por exemplo, as escolas infantís, tal carencia fai que a inspección sexa,
na práctica, papel mollado”, indicou Pontón.
En aras desa transparencia, a
proposición de lei recolle a creación dunha web
de acceso público coa información das actas e informes das inspeccións, as
sancións impostas así como todas e cada unha das axudas que recibe cada
residencia privada ou concertada, información que tamén debe ser trasladada ao
Parlamento nun informe anual.
Finalmente, o título cuarto establece a
planificación dunha rede pública de residencias co obxectivo de ir mudando o
actual modelo privatizado, planificación que será revisada cada catro anos e,
ao mesmo tempo, se prevé a recuperación dos centros públicos pero de xestión
privada a medida que venzan os contratos coa Administración.
En definitiva, a formación nacionalista
presenta unha lei “para garantir o dereito a unha vellez digna que non se logra
colocando o coidado das persoas maiores en mans de grandes empresas que buscan
o lucro porque entende a vellez como un negocio, que están controlados por
fondos de investimento que mesmo cotizan en paraísos fiscais”, sintetizou
Pontón, insistindo na urxencia “ética e moral” de mudar un modelo que resultou
catastrófico na pandemia “e facelo por outro máis humano”. Departamento de comunicación