A CORUÑA | O delegado do Goberno en Galicia subliña o apoio do Goberno ao sector naval mediante a aprobación dunha nova liña de axudas por un valor de 20 millóns de euros anuais. José Miñones anima aos estaleiros e empresas da comunidade a optar a estas subvencións, que suporán un “importante respaldo a un sector que é clave na recuperación da economía, e en particular da galega”.
O Goberno vén de aprobar esta convocatoria de axudas directas dirixida a financiar proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación que potencien a capacidade competitiva do sector da construción naval. Tal e como explicou José Miñones, “o obxectivo destas axudas é converter ao sector nun referente, potenciando a súa capacidade competitiva e diferenciación tecnolóxica”.
Estas axudas, que serán financiadas con cargo ao Fondo de Reestruturación do sector naval e se sumarán as contías do Plan de Recuperación, facilitarán "o desenvolvemento de proxectos que son innovadores e únicos, como os buques de apoio á enerxía eólica mariña, e nos situarán como líderes en diferentes segmentos sectoriais", indicou o delegado do Goberno. José Miñones subliñou tamén que “a contía anual destas axudas supón un aumento da inversión do 25% respecto ao ano 2020, o que evidencia o compromiso deste Goberno cun sector estratéxico".
Ademais, anunciou que o Goberno modificou a definición de estaleiro —que agora inclúe non só a aquelas empresas que dispoñan da autorización administrativa, senón tamén a aquelas empresas que demostren certa capacidade construtiva—, co obxectivo de ampliar o número total de beneficiarios destas subvencións. O ámbito temporal para solicitar estas axudas, que poden acumularse coas outorgadas por calquera outra Administración Pública, comprende desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2023.
38 actuacións de I+D+i subvencionadas desde 2017
Desde o ano 2017, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, subvencionou con cargo ao Fondo de Reestruturación, 38 actuacións de I+D+i para estaleiros privados de nova construción, reparación e transformación naval, por importe de máis de 21 millóns de euros. Galicia con 1,6 millóns é unha das Comunidades Autónomas máis beneficiada por este instrumento. Departamento de comunicación