MADRID | O deputado do BNG
no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa solicitando ao
Goberno do Estado que reclame a posta en liberdade de Ahmad Saadat ao Goberno de
Israel, así como todos os presos e presas políticas palestinas. A organización
frentista demanda a intervención do executivo estatal para pór fin á represión
israelí contra o pobo palestino, empregando todas as ferramentas admitidas no
dereito internacional, a comezar pola utilización das relacións diplomáticas,
para que Israel respecte as normas, disposicións e resolucións internacionais.
Na actualidade, máis de 4.500 palestinos e palestinas están retidos
irregularmente en prisións israelís. A meirande parte destas persoas non
tiveron un xuízo ou mesmo leváronse a cabo con ningún tipo de garantías. Unha
práctica que se suma á detención, por parte da policía e o exército israelí, de
civís palestinos durante semanas sen que chegue a materializarse algunha
acusación formal contra eles.
“O caso de Ahmad Saadat forma parte dos numerosos casos irregulares levados
a cabo polo Goberno do Estado de Israel. É deputado do Consello Nacional
Palestino e Secretario xeral da FPLP, unha das principais organizacións
políticas palestinas” explica o deputado do BNG no Congreso. Rego tamén lembra
que Ahmaad leva vinte anos privado de liberdade e, durante todo este tempo, a
súa detención “foi denunciada en repetidas ocasións a nivel internacional polas
irregularidades no seu xuízo”.
De facto, a organización nacionalista denuncia que todos os cargos que se
presentaron en contra de Ahmaad están baseadas en consideracións políticas.
“Entre as entidades que exixiron a posta en liberdade do deputado do Consello
Nacional Palestino atópase a Unión Parlamentaria- que agrupa a Parlamentos de
máis de 170 estados- na que se atopa o Estado español” enfatiza Rego. O BNG súmase así á iniciativa da principal organización de apoio aos presos
palestinos que está a por en marcha, entre o 15 e o 22 de xaneiro, unha semana
de accións en solidariedade para reclamar a liberdade de Ahmad Sa’adat cando se
cumpren 20 anos do seu encarceramento.
Por este motivo, Rego pide ao Goberno do Estado español que reclame a posta
en liberdade de Ahmad Saadat. Esta solicitude faina extensiva a todas as
persoas presas políticas palestinas, retidas de maneira irregular polo Estado
de Israel. Así mesmo, o Goberno do Estado “debe intervir para pór fin á
represión israelí contra o pobo palestino”.
“O executivo estatal ten que empregar todos os mecanismos e ferramentas
posíbeis, a comezar polas relacións diplomáticas e o resto de medidas admitidas
en dereito, para conseguir que Israel respecte as normas, as disposicións e
resolucións internacionais respecto do conflito palestino” conclúe Néstor Rego. Departamento de comunicación