SANTIAGO DE COMPOSELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, asumiu a réplica ao conselleiro de Facenda,
Miguel Corgos, na comisión de debate para un novo sistema de financiamento
criticando que na súa exposición só quedase claro que o Goberno de Feijóo non
ten modelo de financiamento para Galiza ou, cando menos, non o explica en sede
parlamentaria.
“Son partidarios de aumentar a
porcentaxe da cesión do IRPF ou do IVE, de reclamar o imposto de sociedades?”,
interpelou a líder do BNG, “cal é o peso que propoñen para os diferentes
criterios de ponderación como a dispersión ou o envellecemento, porque non se concreta.
Da mesma maneira, o Goberno de Feixóo apoia que se inclúan criterios relevantes
como a emigración, as características xeográficas ou o feito de ter unha lingua
propia?”, preguntou na súa intervención.
Igualmente, Pontón pediu concreción
sobre a posición do Executivo de PP sobre a débeda histórica en sanidade, por
unha transferencia á baixa, ou sobre a débeda en dependencia derivada dos
recortes do Goberno de Raxoi; e tamén reclamou unha resposta do conselleiro a
respecto dunha fiscalidade verde ou de lograr que as empresas que teñan
actividade aquí, mesmo usando recursos naturais como as eléctricas, tributen
aquí.
A portavoz nacionalista insistiu en que
a posición do BNG pasa porque Galiza teña o control do 100% dos seus recursos a
través dun concerto económico, “apostamos por responsabilizarnos do noso e
defendemos un modelo desde a confianza e con ambición de País, rompendo co
tópico de que vivimos da solidariedade do Estado”, alegou. Pero tamén puxo sobre
a mesa propostas que permitan avanzar cara unha maior soberanía financiera
aínda dentro do marco actual.
Entre esas propostas, ampliar até o 90% a porcentaxe da cesión do IVE e do IRPF, reclamar
o imposto de sociedades, que tributen aquí
as empresas que teñen actividade produtiva aquí e avanzar nunha fiscalidade
verde para loitar contra a emerxencia climática. Igualmente, en relación á
cuestión da distribución dos recursos dun modelo de financiamento futuro, debe
terse en conta o custe da prestación do servizo, algo que non se está cumprindo.
De
feito, o peso da poboación axustada de Galiza sobre as CCAA de réxime común
caeu do 7,59% de 1999 até un 6,56% de 2020, sen que responda a ningunha lóxica
posto que a prestación de servizos como a sanidade, educación ou a dependencia
son precisamente máis custosos de impartir nun territorio cun alto nivel de
dispersión e cunha poboación moi envellecida.
A
modo de exemplo, a prestación sanitaria que require unha persoa maior de 65
anos triplica a que necesita recibir un usuario por debaixo desa idade, ou o
custe adicional da dispersión nunha Galiza que concentra case o 15% dos centros
de saúde do Estado. Tamén é maior o custe do servizo de urxencias e do
transporte programado e urxente, e o mesmo se podería aplicar na educación ou
na dependencia, cuestións todas que deben terse en conta no deseño do novo
modelo de financiamento autonómico.
Criterios de ponderación
E
para iso, o BNG defende un cambio na ponderación de criterios como
envellecemento, que debería pasar do actual 8,5% ao 15%; a dispersión, que
apenas computa un 0,6% e debería aumentarse até o 4,2%,ou que se que se inclúan
novas variables como a da emigración, polos custes que implica a prestación de
servizos a residentes no exterior, así como as características xeográficas e
ambientais dun territorio condicionado por 1.200 quilómetros de costa, ou o
feito de ter unha lingua e cultura propias que debe ser obxecto de mellor
atención no financiamento para contribuír a súa plena normalización.
“Precisamos máis financiamento”,
recalcou Pontón como premisa básica, despois de expoñer como reflexión que
Galiza está infrafinanciada en relación ao Estado pese a seren as comunidades
autónomas as que prestan os servizos básicos para a cidadanía, como sanidade,
educación ou ás prestacións sociais. Pontón concluíu reclamando do Goberno de
Feixóo que “faga valer” os intereses dos galegos e das galegas, “e iso no se
logra con frontes comúns que dilúen as especificidades que temos en materia de
financiamento”. Departamento de comunicación