A CORUÑA | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle
hoxe á Xunta que tome “con urxencia” medidas para mellorar o sistema
sanitario galego, logo de que a pandemia constatara a situación crítica
na que o ten deixado 12 anos de recortes polo goberno de Feijóo. O
responsable socialista participou na concentración convocada polos
traballadores do CHUAC hoxe en A Coruña.
O responsable
socialista sinalou á difícil situación da Atención Primaria, tensionada
ata o punto de que “asistimos a un verdadeiro caos no que milleiros de
familias ao completo están combatendo co virus en soidade agardando por
unha chamada que nunca chega”. Apelou ao colapso da liña telefónica
covid que “non atende aos usuarios debidamente”.
González
Formoso esixiu hoxe a reincorporación dos 500 profesionais sanitarios
de reforzo despedidos polo goberno de Feijóo en plena pandemia e
“condicións dignas para o persoal sanitario que desenvolveu unha labor
fundamental” durante a crise.
Alertou das listas de
espera rexistradas por primeira vez na Atención Primaria, chegando a que
“a cidadanía estea esperando por aquelo que sempre tivo dereito e nunca
estivo en discusión, como é obter unha diagnose nun tempo axeitado”.
O
líder dos socialistas galegos advertiu que a cidadanía está a padecer
esperas de 15 días para ter unha cita co seu médico de cabeceira, e
ademais “coa incertidume de se será presencial ou telefónica, dependendo
do seu centro de saúde”.
Sinalou a situación extrema que
ten provocado a xestión da Xunta sinaladamente na sanidade da provincia
de Pontevedra, onde 14 centros de saúde comezaron o ano coas consultas
pechadas aos pacientes.
Os socialistas galegos
respaldaron as peticións dos profesionais da sanidade pública, que
reclaman reforzo de persoal de forma urxente, logo de asistir atónitos á
decisión do goberno galego de rescindir 500 contratos de profesionais
de reforzo en plena pandemia, e que “non comprendemos por que foi así”.
O líder dos socialistas galegos asistiu á manifestación convocada
polo persoal do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña –Chuac-,
e que percorreu esta tarde as rúas da cidade co lema “Sen persoal non
hai sanidade”. González Formoso estivo acompañado polo portavoz de
Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento, Julio Torrado, e distintos
representantes públicos e orgánicos do PSdeG. Departamento de comunicación