El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

REFORMA LABORAL

O BNG chama a derrogar integramente a Reforma Laboral

26-01-2022 16:39:46

MADRID | O deputado do BNG, Néstor Rego, fixou a posición da organización nacionalista perante o debate da Reforma Laboral no Congreso no próximo 3 de febreiro e chama os partidos do Goberno do Estado a derrogar de maneira íntegra a lexislación aprobada polo PP en 2012. Avanza que solicitará a tramitación do Real Decreto como Proxecto de Lei para introducir as mudanzas necesarias que garantan a recuperación de dereitos como a indemnización de 45 días, a prevalencia dos convenios provinciais ou galegos sobre os estatais, recuperar o acordo para a regulación da xornada ou a autorización administrativa previa para os despedimentos colectivos, entre outras cuestións.

O deputado nacionalista lembra aos partidos que compoñen o Goberno do Estado que en varios acordos, como o alcanzado co BNG para a investidura, recóllese o compromiso de derrogar de maneira íntegra a Reforma Laboral do PP, aprobada en 2012. Agora, o Real Decreto aprobado polo executivo “mantén 90% da normativa aprobada por Mariano Rajoy” -como recoñecen mesmo Pablo Casado e Fátima Báñez, ex-ministra de Traballo, para alén da CEOE ou a CEPYME- e conta co apoio “de organizacións da dereita como a  FAES de Aznar ou  Ciudadanos”.

“Non é unha Reforma que desguste á dereita, é unha Reforma que decepciona todas aquelas persoas que estaban convencidas de que, con este Goberno, podería haber mudanzas importantes e que creron no compromiso dos partidos do executivo de derrogala” afirma o deputado do BNG. PSOE e UP, segundo evidencia Rego, decidiron priorizar “someterse ás directrices da Unión Europea -que reclamaba manter a reforma do PP para liberar os fondos Next Generation”- e aos intereses empresariais frente a cumprir cos traballadores e traballadoras”. 

Para a organización frentista, o chamado “diálogo social” parte de “premisas tramposas” porque o executivo escolleu con que actores falaría para chegar a ese acordo. De facto, “existe un organismo como o Consello Económico e Social do Estado, en que participan todos os sindicatos coa condición de “máis representativos” -tamén, por tanto, a CIG como a central sindical maioritaria da Galiza- que non foi consultado para aprobar esta normativa”. Ademais, explica Rego que este “diálogo social” non pode substituír a función lexislativa das institucións do Estado: “o argumento empregado por PSOE e UP non pasa de ser un intento de chantaxe política”, enfatiza o deputado.

“Se os partidos do Goberno quixesen avanzar na recuperación de dereitos e a consolidación de novos dereitos- explica Rego- existe unha maioría parlamentar no Congreso suficiente como para poder aprobalos e convertelos en Lei” subliña. Rego avanza que a organización frentista reclamará aos partidos de Goberno que cumpran os “seus compromisos e acorden previamente no ámbito parlamentario un novo texto que signifique rescatar os dereitos roubados”.

Néstor Rego reclama tramitar este Real Decreto como Proxecto de Lei para poder “introducir todas as modificacións en positivo que garantan a recuperación de dereitos”. Neste sentido, o BNG defende a recuperación da indemnización de 45 días e o límite de 42 mensualidades no caso dos despedimentos improcedentes e reverter as facilidades para o despedimento. Tamén a recuperación dos salarios de tramitación; a prevalencia dos convenios de sector, así como a dos convenios provinciais ou galegos sobre os de carácter estatal; eliminar a posibilidade dos “descolgues” do convenio por parte das empresas, e restaurar tanto as limitacións empresariais para a mobilidade xeográfica colectiva como recuperar a necesidade de acordo coa representación sindical para a regulación da xornada.

A organización nacionalista anuncia tamén o seu apoio ás mobilizacións convocadas pola Confederación Intersindical Galega para este domingo, 30 de xaneiro, en diversas cidades e vilas da Galiza para “rexeitar esta normativa e reclamar a derrogación íntegra da Reforma Laboral do Partido Popular”. Unhas mobilizacións que, paralelamente, coinciden con convocatorias organizadas polas centrais sindicais soberanistas en Euskal Herria e Catalunya. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias