SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG acadou o acordo no Parlamento para
aprobar por unanimidade unha resolución que inste ao Congreso dos Deputados e
Deputadas a desbloquear a tramitación da proposición de lei de creación dun
fondo de compensación para as vítimas do amianto nun prazo de tres meses.
Nunha
iniciativa defendida na comisión 6ª da Cámara galega, o portavoz nacionalista
de Industria, Mon Fernández, recordou que o deputado do Bloque no Congreso,
Néstor Rego, presentou hai xa un par de meses unha solicitude á Mesa da cámara
baixa estatal para que peche dunha vez o prazo para a presentación de emendas,
prorrogado 20 veces dende que a proposición non de lei fora tomada en
consideración o 13 de abril de 2021.
Fernández
tamén lembrou que se ben a iniciativa chegou ao Congreso da man do Parlamento
vasco, “trátase dunha reivindicación compartida por todas as asociacións do
Estado español, e moi especialmente por AGAVIDA, Asociación Galega de Vítimas
do Amianto que, xunto coa vasca é a máis importante a nivel estatal por número
de persoas afectadas e que leva moitos anos facendo un traballo denodado e
intenso de socialización, sensibilización, asesoramento e tamén de denuncia”.
Neste
sentido, apuntou que en Galiza aínda poden aparecer moitos casos, segundo os
expertos, e indicou que só en Ferrol, “onde os efectos do amianto foron e son
devastadores e ten a súa sede a consulta especial do SERGAS para a asbestos,
están a facer seguimento a día de hoxe a unhas 1.200 persoas afectadas.
Logo
de sinalar o consenso político no Congreso, con excepción de VOX, que invita ao
optimismo sobre a creación do fondo, o deputado nacionalista apuntou á
necesidade de acelerar a súa tramitación porque as persoas afectadas “literalmente
non teñen tempo que perder porque a enfermidade non concede prórrogas”. Así,
advertiu que os afectados e afectadas son vítimas de “incumprimentos moi graves
en materia de seguridade e saúde laboral e de condutas culposas, tal e como
recollen innumerábeis sentenzas e resolucións”.
Fernández
indicou que, dado que o proceso do recoñecemento do dano e reparación económica
é longo e complexo, cómpre un instrumento áxil e especializado como existen xa
noutros estados da UE ou en Gran Bretaña, polo que considerou fundamental non
paralizar a tramitación da creación do fondo. De igual xeito advertiu que, logo
das emendas, aínda quedaría pendente o desenvolvemento regulamentario, o que
significa que, sendo áxiles, queda moito para que as vítimas vexan satisfeitas
as súas demandas”. “Non parece de recibo que os trámites ordinarios se
prolonguen más alá do necesario”, subliñou, para concluír manifestando que
sería recomendable que no consello reitor do fondo estiveran representadas as
asociacións de vítimas, a comunidade científica e os sistemas de saúde das
zonas afectadas, no caso galego, do Sergas. Departamento de comunicación