A CORUÑA | O deputado do BNG
no Congreso, Néstor Rego, mantén unha reunión co Comité de empresa da planta de
Alu Ibérica co obxectivo de analizar conxuntamente a situación da planta e as
alternativas. Durante a xuntanza, Rego avanza a nova ofensiva institucional que
levará a cabo o BNG -no Concello da Coruña, Parlamento Galego e Congreso- para
conseguir que as administracións se impliquen para garantir a continuidade da
actividade da planta e os postos de traballo, a comezar polo Ministerio de
Industria coa intervención pública da empresa.
Rego, estivo acompañado por unha delegación do BNG coa presenza da deputada
no Parlamento de Galiza, Mercedes Queixas, e o voceiro do BNG no Concello da
Coruña, Francisco Jorquera. Pola súa banda, o comité de empresa contou cunha
representación nutrida, encabezada polo seu presidente, Juan Carlos López Corbacho. Na reunión, ambas
partes intercambiaron pareceres e constataron a coincidencia en que a única
solución fiábel garantir a continuidade da actividade da planta é o rescate por
parte de SEPI.
Tanto
o BNG como o Comité de empresa partillaron a necesidade de reactivar a planta,
así como garantir a continuidade da totalidade do postos de traballo que aínda
se manteñen “mesmo coa potencialidade que ten para o aumento do cadro de
persoal” ao tratase dun sector estratéxico como o aluminio.
“Sería unha irresponsabilidade por parte do
Goberno central e o Goberno galego abandonar este sector e, nesa medida, o BNG
redobrará os seus esforzos para reclamar en todas as institucións unha posición
activa para garantir a continuidade da actividade e do emprego” explica o
deputado do BNG. Rego avanza que demandará, como fixo en anteriores ocasións,
ao Ministerio de Industria a intervención da planta. “A SEPI ten que facerse
cargo da planta aínda que sexa de maneira temporal para pór en marcha un plan
de viabilidade para que continúe a actividade e a totalidade dos postos de
traballo” enfatiza.
En
opinión do deputado nacionalista, non existe ningunha solución “aceptábel” que
pase por prescindir do cadro de persoal. “Hai solucións mais a Administración
pública ten que estar disposta a facer o que ten que facer” subliña Rego
referíndose ao rescate da empresa. “Non entendemos que se rescaten empresas ao longo
e largo do Estado español, desde compañías aéreas até discotecas como Pachá e
non haxa a posibilidade de rescatar unha empresa de futuro como Aluibérica na
Coruña” denuncia Rego.
Contra a especulación cos
activos da planta
O
presidente do Comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, comparte a necesidade
da intervención temporal mais tamén asume que “calquera proxecto industrial que
veña á empresa e non conte co cadro de persoal actual é un proxecto que vén a
especular cos activos da planta” sinala . Na actualidade, os activos de Alu
Ibérica na Coruña pasan dos 200 millóns de euros contra unha débeda de 20
millóns.
“Cremos
que temos todos os condimentos para que aquí se cociñe unha entrada da SEPI
puntual para rescatar a planta e preparar esa saída industrial, facéndoo de
maneira sostíbel” apunta. López conclúe denfendendo o futuro do sector e da
planta da Coruña: “hai traballadores en ERTE e en concurso de acredores, cunhas
instalacións que, calquera inversión que se faga é sen risco porque existen
suficientes activos”. Departamento de comunicación