El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Valentín Formoso propón limitar por lei a dous días a espera en Atención Primaria

07-02-2022 14:59:32
Valentín González Formoso (c).

SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, presentou hoxe en Santiago unha proposición de Lei para limitar a 2 días a demora máxima para ter asistencia sanitaria en Atención Primaria. O líder dos socialistas galegos defendeu un “pacto de país pola Atención Primaria” a partir desta proposta rexistrada hoxe polo Grupo Socialista.

González Formoso chamou ao acordo entre as forzas políticas parlamentarias para reforzar a Atención Primaria logo das debilidades que deixou ver o impacto da pandemia despois dunha década de recortes polo goberno galego, que dispararon as esperas en Atención Primaria, que “semella máis un servizo de atención telefónica”. Fixou como marco para o acordo esta proposta de Lei que vén modificar tanto a Lei de Saúde de 2008 como a Lei de Garantías de 2013.

A proposta fixa así un límite de demora na Atención Primaria a semellanza da atención hospitalaria. Pero ao contrario destas, inclúe a prohibición de derivar as consultas de primaria ao servizo concertado privado de saúde, e inclúe un reforzo significativo das plantillas dos centros de saúde, obrigando a establecer cadros de persoal para os PAC e que as unidades asistenciais sexan completas, polo que por cada médico ou médica deberá haber un enfermeiro ou enfermeira.

Tamén reclama a simplificación da administración hospitalaria, habilitando aos médicos de familias para que poidan solicitar unha serie de probas diagnósticas, sen estar obrigados a percorrer ao especialista. A situación actual, dixo, “depaupera a figura do médico de familia”, e abrir a posibilidade de pedir estas probas permitiría “axilizar enormemente a atención especializada”.

González Formoso tendeu a man ao goberno galego e ás forzas políticas parlamentarias para acordar o reforzo da Atención Primaria, a “primeira liña de batalla” que está a evidenciar as consecuencias dos recortes do goberno galego dende a chegada de Feijóo á presidencia da Xunta. Quixo trasladar hoxe unha “mensaxe de responsabilidade política á cidadanía de Galicia” porque “non estamos unicamente para poñer deberes ao goberno, senón tamén para propoñer solucións”.

Ratificou o “compromiso de sentarnos nunha mesa co goberno” para “facer realidade” as melloras na Atención Primaria, logo de que o presidente da Xunta decidira despedir 500 profesionais sanitarios de reforzo no peor da sexta ola da pandemia, e que deixe sen convocar 5.000 prazas estruturais.

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, explicou que a proposta diríxese ao dobre obxectivo de reafirmar a vontade do Grupo Socialista de traballar a favor dos acordos, e da necesidade de fixar garantías de calidade no sistema sanitario. A finalidade última, dixo, é “garantir maior calidade sanitaria para o paciente”, e reforzar a calidade asistencial para que non se repita o peche de servizos de Vigo, derivado da “incapacidade de xestión” do goberno galego.


O presidente do Non
 

O líder dos socialistas galegos afeoulle hoxe a Feijóo que se teña convertido no “presidente do Non” pola súa negativa sistemática a calquera tipo de acordo ou avance por parte do goberno central, pola súa estratexia de “facer seguidismo de Ayuso, Casado ou Mañueco. Sinalou así a negativa á reforma laboral pactada entre os axentes sociais, no que a Xunta prefire situarse “en contra do que opinan a inmensa maioría de traballadores e empresarios”.

Esta deriva “francamente preocupante”, dixo, esténdese á reforma do sistema de pensións, que lle devolve estabilidade ao sistema logo da reforma de Rajoy para devaluar un 20 por cento as pensións ao desvencellalas ao IPC. O mesmo sucede, dixo, cos fondos comunitarios, incluíndo o bono mensual de 250 euros para alugueiro, cando “aos galegos e galegas preocúpalles máis ter dereito a esa axuda que de onde veña, da UE, do Estado, da Xunta ou do Concello”.

Finalmente, en resposta a preguntas dos xornalistas reclamou a implicación da Xunta e das entidades bancarias para frear a “dramática” exclusión financeira, que abunda na perda de servizos no rural, onde “se non hai colexio, banco nin centro de servizo médico, ninguén vai querer vivir”. Sinalou como “acertada” a reflexión feita pública dende o Ministerio de Economía na luiña de primar ás entidades que manteñan os servizos abertos. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias