MADRID | O deputado do BNG no Congreso,
Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado que atenda as xustas demandas
formuladas polos familiares dos mariñeiros desaparecidos, así como do conxunto
da sociedade galega, e que envíe á zona todos os barcos e medios necesarios
para que se continúe coa busca. A formación nacionalista entende que é “unha
obriga moral e política” que se dean as instrucións precisas para o envío de
efectivos que permitan localizar os mariñeiros e tamén que se axilice o máximo
posíbel os trámites administrativos para a declaración de falecemento dos
desaparecidos e permitir así que as familias accedan ás pensións que lle
corresponden.
Tras varias reunións dos
familiares dos mariñeiros desaparecidos do naufraxio coa Subdelegada e o
Delegado do Goberno na Galiza, e mesmo co propio Presidente Sánchez a resposta
por parte do executivo non está a ser a clara e non asume o compromiso de
enviar xa medios propios á zona do naufraxio. Tal e como os familiares puxeron
de manifesto “é urxente que o Goberno destine os medios e recursos necesarios
que permitan atopar os desaparecidos e non só comprometerse a estudar as
reclamacións presentadas”.
“Existen alternativas viábeis,
falta só a vontade política de levalas a cabo. Neste momento, as tarefas de
rastrexo están unicamente en mans doutros barcos pesqueiros que,
voluntariamente e asumindo as perdas e custos de dedicar os seus esforzos a
este fin, manteñen os traballos para localizar vestixios do naufraxio” subliña
Rego. A formación nacionalista defende a necesidade de, como primeira medida de
urxencia, ofrecer unha compensación económica aos barcos que faenan nesas augas
agora mesmo, para que “poidan seguir dedicando todos os seus esforzos á procura
e que non se vexa paralizada á espera da chegada do resto de efectivos que pode
e debe enviar o Estado español”.
Así mesmo, segundo explica o
deputado nacionalista, o Goberno ten á súa disposición os medios necesarios
para poder afrontar as tarefas de recuperación. “Calquera das fragatas da Armada
con base en Ferrol dispón dun sonar que permitiría realizar un varrido da zona en
que se cre que se atopa o barco para localizalo” lembra Rego.
Estímase que o pesqueiro está a
unha profundidade entre 900 a 1000 metros, o que permitiría o fácil acceso ao barco
mediante o despregamento dun vehículo submarino non tripulado (ROV), que son
habitualmente utilizados en condicións semellantes para labores arqueolóxicos,
prospeccións ou cableados submarinos. “Disponse ademais dunha frota de avións
de recoñecemento aéreo P3 Orión do Exército do Aire e avións CN235 de salvamento marítimo que, operando
desde Canadá, terían plena capacidade operativa para o rastrexo” destaca o
deputado nacionalista.
“Non pode empregarse como escusa
a decisión adoptada por Canadá nin alegarse que non permite a entrada de barcos,
porque a zona de procura sitúase en augas internacionais, sobre as que non
tería xurisdición, e se tiveren que entrar en augas territoriais ou da zona
económica exclusiva canadense, os convenios internacionais de auxilio marítimo
permitirían o acceso” afirma Néstor Rego.
Así mesmo, o deputado do BNG traslada
ao executivo a necesidade de garantir a máxima dilixencia e a supresión de
trabas administrativas ou burocráticas para o recoñecemento das pensións de
viuvez e orfandade ás familias dos mariñeiros falecidos. “É especialmente
importante axilizar o máximo posíbel a declaración de falecemento dos
desaparecidos” asegura Rego que, tras ser declarados mortos por Canadá- razón
coa que se xustificou o abandono da procura- pódese constatar o cumprimento dos
criterios que marca o artigo 196 do Código Civil e declarar o falecemento de
forma inmediata. “Resulta evidente que se atopaban a bordo dunha nave cuxo
naufraxio ou desaparición por inmersión no mar comprobouse e hai evidencias
racionais de ausencia de sobreviventes, tal como exixe a norma” destaca Rego.
“Existen moitos precedentes de
buques accidentados en que, tras descartarse toda opción de salvamento, foron
continuados os labores para o rescate e repatriación dos corpos. Os familiares
e achegados, e con eles toda Galiza, séntense impotentes, abandonados e
decepcionados ante a inacción do Goberno do Estado” enfatiza o deputado. “O
executivo non pode facer oídos xordos ao clamor das familias e de todo o pobo
galego” e ten a “obriga política e moral de traer de volta todos os mariñeiros
do Vila de Pitanxo” conclúe Rego. Departamento de comunicación