MADRID | O deputado do BNG no Congreso,
Néstor Rego, consegue aprobar a iniciativa defendida na Comisión de Industria,
Comercio e Turismo da cámara baixa. A iniciativa insta o Goberno do Estado a
garantir a continuidade da actividade na planta de Alu Ibérica na Coruña, así
como o mantemento dos postos de traballo para o que, se for preciso, se levará
a cabo unha intervención pública temporal da planta por parte da SEPI.
Despois de dous anos de completa
inacción por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a formación
nacionalista consegue aprobar unha nova iniciativa na cámara baixa para
garantir o futuro da planta de aluminio na Coruña. Unha planta da que dependen
máis de 300 postos de traballo directos e que “está vivindo momentos decisivos”.
Após unha pequena mudanza, por
medio dunha transaccional, a resolución da Comisión de Industria fica como
segue:
“Instar o Goberno do Estado a:
1.- Realizar
todas as xestións necesarias, en colaboración e coordinación coa Xunta de
Galiza e os representantes dos traballadores, para lograr unha solución urxente
que asegure a continuidade da actividade industrial e o mantemento do emprego
na planta de Alu Ibérica da Coruña.
2.- Axilizar
a adopción de medidas que favorezan que a factoría estea nas mellores
condicións para manter a súa capacidade produtiva e evitar a destrución de
emprego e, en particular, articular unha solución que asegure a subministración
eléctrica necesaria para reactivar a electrólise a un prezo competitivo.
3.- No
caso
de que sexa preciso, levar a unha intervención temporal por parte da
SEPI da planta de Alu Ibérica co fin de facilitar a posterior
venda a un investidor privado que garanta un proxecto industrial
viable.”
A iniciativa foi aprobada cos
votos a favor de todas as formacións políticas presentes na Comisión de
Industria excepto o PSOE e VOX. Departamento de comunicación