SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, pide a Feixóo que aclare de inmediato se vai
dimitir como presidente da Xunta e abrir unha crise de goberno en Galiza para
centrarse en tentar frear a crise interna do PP, “ou Galiza ou Génova 13”,
insistiu, e por honestidade cos galegos e coas galegas debe de trasladar a súa
decisión sen dilación.
“Feixóo ten que aclararlle canto antes
ós galegos e ás galegas se vai dimitir e abrir unha crise de goberno en Galiza
para tentar solucionar a crise interna do PP, por honestidade política e
respecto coa cidadanía e porque Galiza non pode esperar até abril a que desvele
se vai optar por Génova para seguir o camiño das súas ambicións persoais”,
reclamou Pontón.
A líder nacionalista fixo referencia á “situación
moi complicada” que soporta a maioría social, apenas deixando atrás a crise
sanitaria, con empresas pechando, cos servizos públicos deteriorados por doce
aos de recortes e privatizacións e cunha inflación disparada que encarece todos
os servizos básicos empobrecendo ás familias, afogando ás PEMES e mesmo freando
a recuperación económica.
“Nesta situación non podemos ter un
goberno en modo pausa, nin a un presidente ausente ocupado en tapar a corrupción
e en aplacar a guerra interna do PP en lugar de dirixir o País”, alegou a líder
nacionalista, “até agora tiñamos a un presidente sen propostas nin alternativas
para solucionar os problemas de Galiza, pero agora, ademais, temos un
presidente ausente”, insistiu, “e debe aclarar se opta por Galiza ou por Génova
sen máis espera”.
Pontón tamén trasladou a posición do BNG
en relación á guerra desatada en Ucraína, totalmente posicionado no non á
guerra, rexeitando os bombardeos e reclamando que se retome a vía diplomática.
“Non a guerra, a diplomacia é a vía para
resolver o conflito porque é o único camiño. Para percorrelo urxe unha
desescalada militar e unha aposta firme polo diálogo pola diplomacia, no marco
de organizacións como a ONU e a OSCE, que permita lograr unha solución estable
e duradeira”, explicou.
Como primeiro paso nesa dirección, o
Bloque considera urxente a retirada das tropas rusas e o un compromiso da OTAN
de frear a súa ampliación cara o leste europeo. O marco debe ser volver ós
acordos de Minsk con garantías de cumprimento de todas as partes. En relación ao papel do Estado español, a formación
nacionalista considera que non debe participar nesa guerra, “dixémolo en Irak e
dicímolo agora en Ucraína, apostamos por unha posición de neutralidade activa,
retirando tropas e reforzando a vía diplomática”, subliñou Pontón, quen
traslada toda a solidariedade do BNG co pobo de ucraíno. Departamento de comunicación