SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou unha batería de medidas
urxentes contra o encarecemento do custe da vida e ante un IPC do 7,4%, o máis
alto nos últimos 33 anos.
Pontón explicou que “hoxe
é mais caro comprar produtos de primeira necesidade, encher o depósito de
gasolina e usar a electricidade”. “Todas estas subas poñen en risco a
recuperación económica e tanto a Xunta como o Goberno central -recalcou- non
poden permanecer de brazos caídos”. Entre as medidas
presentadas polo BNG para frear as consecuencias do incremento do custe da
vida, salientou no ámbito fiscal: “baixar o IVE dos produtos básicos, reducir
temporalmente os impostos dos carburantes e rebaixar as peaxes en Galiza e no
ámbito estatal.”
Asemade, recalcou que urxe
“subir o IPC das prestacións sociais,
da RISGA e o Salario Mínimo Vital (SMV) e posibilitar compaxinar ambas axudas”.
A esta medida sumou tamén unha suba do IPC nos salarios e pensións e a
revalorización das pensións non contributivas cun “complemento de 100 mensuais”
que representa pasar de 400 a 500 euros.
Para a vivenda, o BNG
propón incrementar as axudas á mocidade, “duplicando os fondos”, e contra o incremento
dos custos enerxéticos reiterou que é necesario rematar cos “beneficios ás
grandes eléctricas” coa creación dunha tarifa eléctrica galega.
Ucraína
Na súa intervención ante
os medios de comunicación, Pontón reiterou a “condena rotunda á cruenta invasión
de Ucraína” e mostrou a solidariedade do BNG á poboación. “Hai que buscar unha
solución e a ONU e a Organización para
a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE), deben frear este conflito”, subliñou. Por outra parte, anunciou
que o BNG solicitará á Xunta que ofreza Galiza ás persoas refuxiadas.
Feijóo debe aclarar á cidadanía: Galicia ou o PP
A portavoz nacionalista
asegurou que a situación de emerxencia económica e social obriga a Feixóo a
aclarar se vai escoller ao PP utilizando a Galiza “como antesala das súa ambicións políticas” ou pensa dimitir. “Os
galegos e as galegas non poden seguir esperando e debe responder canto antes se
vai dimitir ou escollerá Génova”, advertiu.
“Nos últimos días -incidiu
Pontón- o tema central que ocupou e preocupou a Feixóo foi tapar a corrupción
do Partido Popular e as súas ambicións persoais”, polo que considerou obrigado
que o presidente da Xunta comunique a súa decisión canto antes: “debe dicir se
escolle Galiza ou o Partido Popular”, afirmou.
A portavoz nacional do BNG
insistiu en que os galegos e as galegas merecen respecto e non ser os
prexudicados das guerras internas do PP. “A menos de dous anos das eleccións e
no medio dunha crise económica, demográfica e industrial, Galiza debe estar
presente nos grandes asuntos políticos e se esta evolución xa era negativa cun presidente
coa súa cabeza aquí, agora que ten a
cabeza en Génova vai ser peor para Galiza”, alertou.
Para Pontón, se ate agora
tiñamos un “goberno débil”, agora estamos ante un “presidente ausente” e,
segundo concluíu, “non podemos seguir agardando polas súas ambicións persoais”. Departamento de comunicación