SANTIAGO DE COMPOSTELA | Co
presidente da Xunta metido de cheo na súa xira electoral no PP, a portavoz
nacional, Ana Pontón, preguntoulle ao xefe do Executivo cando pensa dimitir,
toda vez que deixou claro que a súa prioridade non é Galicia senón o PP. “En 2020, en plena campaña electoral,
vostede deixaba este titular: E maior o
meu compromiso con Galiza que co meu partido”, citou a líder do BNG, tras
confesar non sentirse sorprendida polo escaso valor da palabra do aínda
presidente galego tendo en conta que leva doce anos subordinado a Génova. “Hai
quen pensa que é vostede o moderado, cando en realidade é Feixóo o
subordinado”, sentenciou.
Agora que colle as maletas para Madrid,
“co permiso da señora Ayuso”, Pontón lembrou que o detonante que impulsou esa
marcha é un novo caso de corrupción “illado” do PP, ante o que reaccionou
pedindo lavar o trapos sucios na casa. “Mire por onde, un caso de corrupción do
PP converteuse na alfombra vermella que tanto espera para irse a Madrid. Impulsado
por un caso de corrupción, que gran logro político!”, ironizou.
A líder do Bloque insistiu en que tras
optar por presidir o PP, Feixóo debe dimitir, “e cada minuto que pasa é unha
falta de respecto ós galegos e ás galegas, porque Galiza non é a estación na
que espera a que lle chegue o tren para Madrid”. Neste sentido, indicou que se
até agora tiñamos un presidente incapaz de dar solucións, agora estamos ante un
presidente “ausente”.
“Coa que está caendo, co prezo
desorbitado da luz, do gas, dos carburantes, da cesta da compra, unha escalada
de prezos que afoga ás familias e a miles de empresas pretende gobernar Galiza
desde o teléfono móbil mentres está de xira electoral? Os galegos e as galegas
non lle pagan para iso e merecen un respecto”, alegou.
Pontón lamentou que o presidente da
Xunta non sexa capaz de estar á altura “nin no tempo de desconto”, e puxo en cuestión outro dos slogans
electorais repetido polos populares: “Di que o PP é o partido que máis se
parece a xente deste País, é mentira, porque os galegos e as galegas son
persoas honestas, traballadoras e, sobre todo, que compren coa súa palabra,
xusto o contrario de vostede é do PP”, alegou.
A portavoz nacional recoñeceu que Feixóo
é un “excelente” candidato a presidir o PP “da corrupción e da falta de ética”,
unha falta de ética da que volveu dar un novo exemplo no Parlamento, denunciou,
en referencia á utilización por parte do PP da invasión rusa de Ucraína contra
a formación nacionalista.
“Como pode usar os miles de mortos, os
millóns de persoas refuxiadas para atacar con mentiras ao BNG? É unha
indecencia política, o máis indecente que vin nunca neste Parlamento. Vostede é
pai, e eu son nai, e estes días vimos imaxes que lle parten o corazón a
calquera, como pode ser que use esa dor e non teña reparos en vir mentir a esta
Cámara utilizando ese drama para atacar ao BNG”, denunciou.
Pontón pechou a sesión de control cun
desexo para o aspirante a presidente do Partido Popular: “Agora que se vai para
Madrid e vendo como as gastan no seu partido voulle desexar unha cousa de todo
corazón: que nunca teña que sufrir as manipulacións e as mentiras que leva
vostede dicíndolle ao BNG e a miña persoa”, concluíu. Departamento de comunicación