NOIA | O
BNG rendeu homenaxe ao poeta e activista político Avilés de Taramancos, nun
acto celebrado no concello de Noia que acolleu as voces de poetas, escritores e
escritoras, e representantes da formación nacionalista. O portavoz municipal no concello
de Noia, Ricardo Suárez; o poeta e presidente da AELG, Cesáreo Sánchez; a xornalista
e poeta Ana Romaní; o poeta Manuel Pérez, a escritora e concelleira no concello
do Porto do Son, Patricia Torrado Queiruga, e a portavoz parlamentaria de
Cultura e escritora, Mercedes Queixas, puxeron voz á obra de Taramancos e destacaron
o grande compromiso político do poeta de Noia con Galiza.
Durante a súa
intervención, Queixas afirmou que a homenaxe a Avilés de Taramancos é “unha
celebración de vida, recoñecemento e memoria necesaria ao activista social e político,
compañeiro no Bloque Nacionalista Galego e representante do pobo como concelleiro
de Cultura na corporación municipal de Noia”.
Para a deputada, a lectura
da súa obra poética, tres décadas despois do seu pasamento, “mantén a súa
vixencia dunha biografía sempre comprometida coa vida e o noso País”. Segundo recalcou, os versos do
poeta de Noia ábrennos a posibilidade de ler
Galiza como “epicentro vital e creativo” e concibir a lingua galega como
“cordón umbilical que a sustenta”.
A portavoz nacionalista de
Cultura remarcou que Galiza é “terra de raíces firmes e terra de poetas
comprometidas” e, neste sentido, sinalou a Antón de Avilés de Taramancos como “unha
das referentes das que sentírmonos herdeiras”. O acto de homenaxe ao
poeta noiés contou tamén coa participación da Agrupación musical As Lens e unha
ofrenda floral ante o busto de Taramancos na Alameda de Noia. Departamento de comunicación