SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG dará o pistoletazo de
saída para a preparación das eleccións locais coa celebración dun cumio de
cargos municipais que terá lugar a final de mes en Santiago, un encontro con
alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras para mobilizar a organización
de cara a esa cita coas urnas e trazar as liñas da estratexia electoral para
afrontar eses comicios.
O obxectivo do BNG é avanzar en
todos os concellos do País, “tendo como carta de presentación o aval dos concellos
nacionalistas, referentes de
políticas de benestar, de calidade de vida, de rexeneración urbana e de dinamismo
económico e social. En definitiva, tendo como aval que os concellos BNG son
unha marca de calidade de goberno, demostrando capacidade para transformar en
positivo e dar solucións ás cuestións que afectan á cidadanía”, salientou a
responsable de Política municipal da Executiva nacional, Carme da Silva.
No cumio, a formación que lidera
Ana Pontón abordará a preparación da estratexia electoral tendo en conta o
contexto de crise tras dous anos de pandemia e agora coa escalada de prezos,
conformando unha realidade económica e social moi diferente á que existía en
2019. Neste sentido, analizará a actualización das propostas programáticas no
actual contexto de crise: a carestía da vida sobre familias, clase traballadora
e empresas; o impacto da pandemia nos
servizos públicos ou a afectación no tecido económico local e a estratexia
específica para as cidades.
“Os concellos do BNG levan anos
demostrando que temos un proxecto ilusionante e transformador, por iso afrontamos estes comicios desde o
optimismo e co reto de aumentar a representación en todos os concellos, sabendo
tamén que estas eleccións son un paso decisivo para que haxa un cambio real en
Galiza e abrir un tempo novo liderando o Goberno do País da man de Ana Pontón”,
salientou Da Silva. Con
ese reto, o Bloque vai ir a por todas, coa man tendida e buscando espazos de
intersección cos movementos sociais, culturais, veciñais, con todos os galegos
e galegas que compartan a idea de que é posible construír unha Galiza con
futuro, empezando nos concellos.
“Enfrontamos
estes comicios como unha oportunidade para poñer en marcha un tempo novo e
superar as políticas do PP que nos deixan unha Galiza máis pequena, con menos
poboación, con menos xente moza, con menos industria, con menos servizos
públicos, con menos benestar, con menos emprego e, en definitiva, con menos
oportunidades. O avance do BNG nos concellos nas próximas eleccións municipais
será o primeiro paso de cara a ese obxectivo, argumentou Carme da Silva,
“porque o BNG é a referencia do cambio real, do cambio necesario para empezar a
construír unha Galiza en grande”.
Esta País ten grandes retos
por diante que, indicou a responsable de Política municipal, hai que afrontar
tamén desde as vilas e as cidades, retos como crear emprego de calidade,
defender os servizos públicos, parar a sangría da emigración e do declive
demográfico, apostar pola ciencia e a innovación como piar de desenvolvemento ou
situar como prioridade política a igualdade real entre mulleres e homes.
E para facer realidade eses
retos, “desde o BNG imos seguir traballando con rigor, con coherencia, con
humildade sabendo que somos a esperanza de moitos galegos e galegas para
construír esa outra Galiza posible”, concluíu. Departamento de comunicación