SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle
hoxe á Xunta que lle entregue a metade da recadación por combustible que
lle cede o Estado ás 9.700 empresas galegas afectadas pola “alza
salvaxe dos custes enerxéticos”. Explicou que se trata de 277 millóns de
euros dun total de 557 que a Xunta recibe do Estado para subvencionar
36.000 litros de gasóleo durante 2022.
O responsable
socialista apuntou que “é o momento de estar á altura das
circunstancias”, polo que lle reclama á Xunta que execute en Galicia
esta medida “xusta”, a mesma que Feijóo lle está a reclamar ao Estado.
Urxiu ao goberno galego a que habilite estas axudas a través dunha
convocatoria urxente dende o Consello da Xunta a través dunha fórmula de
prepago aos transportistas que podería ser desbloqueada nun prazo de 7 a
48 horas.
Trátase dunha medida máis “de calado” que
presentan os socialistas galegos e que “pode ser transcendente se se fai
rápido, e pode axudar a aliviar de forma importante a carga fiscal para
cada transportista, mariñeiro e agricultor” que neste momento “están a
sufrir” en Galicia.
Unha medida que se suma ao decálogo
de propostas presentadas hai 10 días por parte dos socialistas galegos
fronte á “peor crise loxística e económica do país dende hai décadas”,
que obtiveron a calada por resposta dende o goberno galego. Medidas de
goberno que inciden no ámbito fiscal, as rebaixas de peaxes, as tarifas
da ITV, no impulso da autosuficiencia enerxética ou a recuperación da
tarxeta alimenticia.
A única proposta recibida, dixo, foi
a ampliación do bono enerxético, “unha receptividade que non atopamos
no eido institucional”, cara “un partido de goberno como o PSdeG, afeito
a arremangarse cando as cousas non veñen doadas, disposto a chegar a
pactos e acordos de país cando é necesario”.
“Se neste momento non o facemos –puntualizou- é porque a Xunta non
ten contestado” á petición de encontro co presidente da Xunta, no que
entende como “unha falla de respecto institucional que esperemos que
corrixa no tempo máis breve posible, porque o país demanda que esteamos á
altura das circunstancias”.
Un insulto aos profesionais
Valentín González Formoso
cualificou de “medidas de fierabrás” as iniciativas anunciadas onte polo
presidente da Xunta no Parlamento de Galicia para facer fronte á crise
actual. Mesmo chegou a cualificar de “insulto” o anuncio de responderlle
aos sectores afectados “cun bono – turismo para ir a un balneario”.
O
responsable socialista explicoulle a Feijóo que “a un mariñeiro, a un
armador, a un camioneiro” co seu vehículo parado “porque non pode pagar
os custes enerxéticos”, en realidade “de nada lle vale que lle regalen
un bono para irse a un balneario”. Sinalou que “o sector do transporte,
da pesca ou o da agricultura o que menos están pensando é en irse de fin
de semana”.
Sinalo que “o que queren é que os gobernos
con competencias e recursos para adoptar medidas o fagan e lles permitan
chegar a fin de mes, manter ás súas familias e pagar a letra do banco
que lles chegará e que non van respectar a alza dos combustibles”. Departamento de comunicación