A CORUÑA | A
escalada de prezos está empobrecendo ás familias, á clase traballadora, levando
ó límite a moitas empresas e mesmo a sectores produtivos esenciais en Galicia,
por iso, o BNG ten posto en marcha unha campaña de mobilizacións baixo o lema Os prezos soben, os teus cartos baixan, que
hoxe levou á portavoz nacional, Ana Pontón, ó mercado coruñés de Santo Agostiño
e que culminará coa manifestación prevista este domingo en Santiago.
“Cada vez os salarios valen menos e por
iso é importante que se poñan sobre a mesa medidas de alcance ante unha crise
que require que os gobernos estean á altura”, salientou a líder do Bloque, que
hoxe centrou as propostas da formación nacionalista en tres medidas concretas
pensadas para atallar a factura eléctrica: subir os impostos ás eléctricas para
que parte do seu lucro se traslade á maioría social; en definitiva qu sufraguen
parte dunha crise coa que se están forrando; tarifa eléctrica galega para que o
País se beneficie de ser produtor de electricidade e poñer fin ós beneficios
caídos de ceo do lobby eléctrico.
“Un dos elementos que máis afecta á
inflación é prezo da luz e, da mesma maneira que Bruxelas concedeu unha excepción
Ibérica, o Goberno central debe mostrar sensibilidade e admitir a excepción
galega, que non sería máis que a tarifa eléctrica galega que propón o BNG desde
fai anos, para que Galiza teñan unha compensación polos custes sociais e
ambientais de producir e exportar electricidade e se beneficie da súa riqueza”,
argumentou.
Temos os custes ambientais, cos rios
cheos de encoros, con 4.500 muíños nos montes e un espolio eólico ás portas
auspiciado polo Goberno do PP, pero sen ningún beneficio nin para as familias,
ni para as empresas. Por iso, a tarifa eléctrica galega é un elemento de
“xustiza social”, unha tarifa diferenciada que é habitual nos países europeos
para compensar ós territorios que producen enerxía.
En relación á subirlle os impostos ás
eléctricas, Pontón destaca que o beneficio do sector superou os 11.000 millóns
de euros en 2021, un incremento superior ó 200%, e que parte dese escandaloso
beneficio debe trasladarse ós colectivos máis afectados en forma de impostos para axudar a compensar o
impacto da escalada de prezos, en particular o da factura da luz.
“Sería unha tremenda irresponsabilidade
que o Goberno de PSOE-Podemos pretenda salvagardar os astronómicos beneficios
das eléctricas, non podemos ter un goberno que non queira aproveitar parte dese
lucro para beneficiar á maioría social”, indicou Pontón.
De feito, a líder do Bloque criticou
que, de momento, lonxe de gravar esas altísimas plusvalías, o Goberno central
foi en dirección contraria cando fai seis meses decidiu baixar o imposto de
xeración de enerxía o que implica un aforro para multinacionais como Iberdrola,
Naturgy ou Endesa cifrado en 1.500 millóns de euros.
A portavoz nacional volveu
insistir en que hai que poñer fin os denominados beneficios caídos do ceo, máis
aló e fixar un limite ó prezo do gas. A líder do BNG tamén puxo a mirada no
aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, que sigue se adoptar ningunha
medida concreta para atallar a escalada de prezos e o seu impacto na economía
galega, máis aló de buscar culpables e de facer anuncios que non se concretan
no DOG.
“Hai un goberno que ten competencias en
materia de industria, agricultura, pesca ou comercio, pero instalado nos
anuncios, Feixóo vaise despedir de Galiza con propaganda e fume”, lamentou, ao
tempo que facía un chamamento a participar na manifestación convocada para o domingo
3 de abril en Santiago de Compostela, reclamando medidas a favor das maiorías
sociais. Departamento de comunicación