El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Internacional

POBO SAHARAUÍ

O BNG reclama no Congreso respectar o dereito á autodeterminación do pobo saharauí

01-04-2022 11:07:12
Néstor Rego, deputado do BNG.

MADRID | O deputado do BNG, Néstor Rego, varias iniciativas reclamando respectar o dereito de autodeterminación do pobo saharauí, incluída unha proposición non de lei na que se demanda ratificar o apoio ao proceso de descolonización do Sáhara Occidental, tal e como indican as diversas resolucións da ONU e o traballo da MINURSO para que sexa posíbel realizar canto antes o referendo de autodeterminación. Así mesmo, reclama rectificar a posición expresada polo Presidente na carta remitida ao Rei de Marrocos e volver ao consenso social, así como dirixirse ao Goberno de Marrocos para exixirlle o respecto aos dereitos humanos do pobo saharauí.

A decisión do Goberno español de modificar a súa posición en relación co conflito do Sáhara Occidental foi coñecida a través da filtración dunha carta de Pedro Sánchez ao Rei de Marrocos. Nesta carta, o Presidente manifesta expresamente que “España considera a proposta marroquí de autonomía presentada en 2007 como a base máis seria, críbel e realista para a resolución deste diferendo” e isto supón que o Estado español se sitúa á marxe das resolucións da ONU e dos esforzos por verificar o referendo de autodeterminación previsto por este organismo internacional para resolver o conflito.

Este cambio de posición, que ademais “prodúcese sen consultar ao Congreso dos Deputados e -con seguridade- sen tomar en consideración a opinión maioritaria das forzas políticas e da cidadanía”, significa tamén que o Estado español adopta unha posición de parte, apoiando a solución marroquí que implica a anexión do Sáhara Occidental. Isto fai inviábel o papel activo de mediación que debería ter o Estado español para chegar canto antes a unha solución pacífica pola vía dos acordos e resolucións das Nacións Unidas.

“Se o Goberno non rectifica, esta sería a segunda ocasión en que o Estado español deixa abandonado á súa sorte ao pobo saharauí, despois de permitir en 1975 a invasión marroquí e aceptar a división do territorio entre Marrocos e Mauritania no Acordo Tripartito de Madrid de novembro dese ano” subliña o deputado do BNG. Rego reclama ao Goberno ratificar o seu apoio ao proceso de descolonización do Sáhara Occidental, “seguindo as resolucións da ONU e o traballo da MINURSO para que sexa posíbel realizar canto antes o referendo de autodeterminación do pobo saharauí”.

A posición manifestada polo Presidente do Goberno, ademais de inxusta co pobo saharauí e imprudente dado o contexto actual, “pon en cuestión a súa neutralidade e o papel que, como potencia legalmente administradora do Territorio Non autónomo pendente de descolonizar, debería desempeñar para buscar unha solución xusta e duradeira que garanta o respecto aos dereitos do pobo saharauí”.

Por iso, o Bloque Nacionalista Galego tamén demanda rectificar a posición expresada na que manifestaba o seu apoio á proposta marroquí de autonomía e a volver ao consenso social e a acompañar o traballo dos organismos internacionais “para unha resolución xusta e duradeira do conflito”. Por último, Rego conclúe instando a dirixirse ao Goberno de Marrocos para exixirlle o respecto aos dereitos humanos da poboación saharauí que vive nos territorios ilegalmente ocupados do Sáhara Occidental. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias