BRUXELAS | A portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, vén de presentar unha iniciativa dirixida á Comisión Europea –a través do grupo parlamentar ao que pertence o BNG-, para que as autoridades investiguen “até o final” o acontecido co Villa de Pitanxo “por respecto aos falecidos e as súas familias”. Considera que debe facerse “todo o investimento necesario para achegar os medios técnicos que permitan saber realmente que aconteceu na madrugada do 15 de febreiro e todas as causas do naufraxio”, polo que insta a Comisión Europea a presionar diante da negativa do Estado español a seguir investigando.
“Como é posible que no século XXI se poida baixar varias veces ao Titanic, afundido hai máis dun século, se poidan recuperar barcos da XXI Guerra Mundial afundidos nesa rompente, e non se poida baixar a un barco afundido hai dous meses para esclarecer as causas dun accidente que provocou o falecemento de 21 persoas”, pregunta a portavoz do BNG en Europa. Ao seu xuízo, e diante das novas informacións publicadas en prensa é imprescindible acceder ao barco para obter todos os datos precisos, tanto do pecio como do aparello para saber que aconteceu e tratar de recuperar os corpos das persoas falecidas.
Na iniciativa pídese que a Comisión presione ao Estado español para que, no marco da Directiva de Seguridade Marítima, se realice unha investigación independente e unha exploración completa, incluso con medios comunitarios que podería solicitar o Estado, e así ademais evitar accidentes marítimos futuros. Así mesmo, Ana Miranda remitiu unha carta á Organización Marítima Internacional (OMI) para trasladar a preocupación do BNG pola negativa do Estado a enviar unha misión de investigación ao lugar do naufraxio.
Visita ao Morrazo
Precisamente mañá, 8 de abril, Ana Miranda e as deputadas da Comisión de Pesca do Bloque no Parlamento Galego, Rosana Pérez e Carmela González, e deputado Paulo Ríos, manterán diversos encontros co sector da pesca e o marisqueo da comarca do Morrazo, para falar da complicada situación económica que atravesan. Nas reunións, as nacionalistas presentarán as iniciativas desenvolvidas polo BNG nas diversas institución nas que se recollen propostas que palíen os efectos da subida de prezos do combustible, os efectos da pandemia, a diminución de cotas en algunhas especies ou as consecuencias do Brexit. Departamento de comunicación