A CORUÑA | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, trasladou
hoxe dende A Coruña a “preocupación” dos socialistas galegos pola
“deriva” de Feijóo na súa relación con Vox. Advertiulle que debe optar
entre un partido “institucional, de acordos e moderación” ou “o partido
que segue a gobernar con Vox, e apoiando os postulados da estrema
dereita”.
Explicou que “por desgraza esta semana vimos no
Senado como, xa con Feijóo como líder do seu partido, aprobaba co voto
en contra de PP e Vox unha norma que prohibe o acoso ás mulleres que
deciden aplicar o dereito á interrupción do embarazo”. Un
Feijóo que onte acudía á cita co presidente do goberno, que deu mostra
dunha institucionalidade que “en Galicia non se mantén”. Aludiu a que
Feijóo segue sen dar conta da petición de encontro con Formoso meses
despois de que fora designado secretario xeral, demostrando unha
“diferenza de trato e unha institucionalidade que nunca se debera de
perder, e que marca o estilo dun presidente”.
Lamentou
que “non somos quen” de que o presidente da Xunta responda da petición
de reunión institucional. Lembrou que o líder dos socialistas galegos
representa a un partido que goberna as cidades de A Coruña, Ferrol,
Santiago, Vigo, Lugo, ata 111 alcaldías de Galicia, que conta con 1.000
concelleiros e concelleiras e goberna en 3 das 4 Deputacións
provinciais.
Sucesión no PP
Valentín
González Formoso urxiu ao actual presidente da Xunta a resolver a súa
sucesión no Goberno galego “o máis rápido posible” porque, explicou,
“entendemos que a estabilidade de Galicia non pode estar dependendo
dunha sucesión política nun momento tan crítico para a sociedade e a
economía como no que estamos”.
Lembrou que, como
consecuencia desta parálise, o goberno galego continúa sen publicar no
DOG as medidas anunciadas polo presidente da Xunta no Parlamento de
Galicia para afrontar a situación derivada da guerra de Ucraína, que
agravou as consecuencias da pandemia. O responsable socialista lamentou que “polo momento, nin os
pescadores, nin os agricultores, nin os gandeiros nin os traballadores
son beneficiarios de ningunha das medidas anunciadas pola Xunta”.
Dedazo
En
resposta ás preguntas dos xornalistas, Formoso defendeu a fórmula das
primarias e da democracia interna que exercen os socialistas galegos,
“onde a militancia pode libremente escoller os seus liderados” fronte á
“fórmula anacrónica dun dedazo dun presidente que se vai para deixar un
presidente que se queda”, que está a exercer o PP. Departamento de comunicación