SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle
hoxe ao presidente do Partido Popular que deixe de “seguir amparando a
incorporación de Vox á vida institucional española”, tal e como acontece
ao bendicir ao pacto para o goberno autonómico de Castela e León.
“Ese
é”, advertiu o líder socialista, “o gran reto de Alberto Núñez Feijoo”:
evitar que unha formación de ultradereita “poida facer dano a nivel
nacional e europeo”. Como exemplo dese “dano”, Valentín González Formoso
aludiu ao que “acaba de facer a semana pasada da man do PP, votando en
contra de que as mulleres poidan exercer libremente o seu dereito legal a
abortar nunha clínica”.
Incidiu en que “se esa é a
gran aposta do PP, estou convencido de que non vai coincidir coa maioría
social deste país, que é unha maioría de progreso, e loxicamente
seguirá confiando no Partido Socialista durante moitos anos”.
En paralelo, Formoso confrontou a actitude do Partido Popular de
Feijoo coa defendida polo presidente do PP europeo, que denunciou ese
amparo á ultradereita en España ao permitir que Vox se incorporase a un
goberno por primeira vez na historia nunha institución a nivel europeo.
Do mesmo modo, e ao fío dos resultados das eleccións á
presidencia da República francesa, o secretario xeral do PSdeG puxo de
relevo “a unión e a contundencia” de todas as forzas do arco
parlamentario no ámbito local e rexional para que a ultradereita non
teña a posibilidade de entrar nas institucións. “Iso sucede”, enfatizou,
nun dos berces históricos da democracia, como é Francia”.
Por
outra banda, Valentín González Formoso cualificou de “importante” que
no PP se aceleren os prazos para esclarecer o seu liderado. “E non por
unha cuestión orgánica dos diferentes partidos, senón porque o momento o
necesita”, sinalou.
Nesta liña, defendeu que “Galicia
require agora mesmo dun goberno e duns liderados políticos
contundentes, que sexan capaces de entenderse e de propoñer medidas que
favorezan a economía”. Tamén, remarcou, para “apoiar a todos os sectores
que están sendo máis castigados pola situación marcada por unha
inflación galopante, pola preocupación social e polo impacto nos
sectores estratéxicos”.
Neste escenario, e tras lembrar
que o PSdeG “ten os seus tempos”, Valentín González Formoso volveu
amosar a súa “disposición absoluta” para ser candidato nas próximas
eleccións autonómicas. Con todo, fronte ao modelo do PP, resaltou que o
PSdeG é un partido que “fai prevalecer a democracia e onde o dedazo non é unha fórmula aceptada pola militancia do partido”. Departamento de comunicación