MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, chama ao Goberno do Estado a
rectificar a súa decisión, anunciada pola Ministra de Ciencia e Innovación, e
acordar que as sedes permanentes de pescarías e acuicultura do Instituto
Español de Oceanografía se trasladen ao Centro Oceanográfico de Vigo. A
organización nacionalista demanda esta acción polo importante labor desenvolto
no centro neses ámbitos ao longo do tempo e, ademais, porque reúne as mellores
condicións técnicas e científicas para levar a cabo esta actividade.
A ministra de Ciencia e Innovación anunciou que o Instituto Español de
Oceanografía (IEO) descentralizará as súas sedes das seccións de Pescarías e
Acuicultura a Cantabria e Murcia. Esta decisión supón excluír a Galiza dese
proceso de descentralización, “obviando de maneira arbitraria que é a primeira
potencia pesqueira do Estado español, o magnífico labor das sedes do IEO na
Coruña e Vigo e os seus máis que acreditados méritos para albergar as referidas
sedes”.
“O de Vigo é o centro oceanográfico de maior tamaño de todos os do Estado.
Traballan a redor dun cento de persoas que desenvolveron un gran esforzo
investigador no ámbito pesqueiro e acuícola, convertendo a este centro no de
maior traxectoria acreditada neste campo” explica o deputado nacionalista. Así
mesmo, o Centro Oceanográfico de Vigo, en sinerxia co da Coruña e cos centros
oceanográficos de Portugal, traballa man a man co sector pesqueiro e acuícola
galego, de evidente relevancia en termos económicos e produtivos, garantindo
unha pesca sustentábel e situando o sector do mar como un sector estratéxico
para a economía e o emprego na Galiza.
De facto, enfatiza o deputado do BNG, moitas das melloras promovidas na
xestión pesqueira en todo o mundo son resultado do traballo investigador desenvolvido
polos científicos e científicas do Centro Oceanográfico de Vigo. “O Goberno ten
que rectificar a decisión anunciada pola Ministra de Ciencia e Innovación e
acordar que as sedes permanentes se trasladen ao Centro Oceanográfico de Vigo”
reivindica Rego. Este centro, segundo apoian os datos, conta cun importante
labor científico desenvolto neses ámbitos ao longo dos anos e por reunir as
mellores condicións técnicas e científicas.
Alén do máis, Vigo é un importante polo de investigación no ámbito da pesca
do que forman parte o propio centro xunto co Instituto de Investigacións
Mariñas (CSIC) de Bouzas, co futuro Campus do Mar e toda a investigación que se
desenvolve nas distintas universidades e outras administracións galegas. “Esta
circunstancia fai aínda máis idóneo o centro de Vigo para acoller a sede
permanente de Pescarías e/ou Acuicultura do Instituto Español de Oceanografía”
subliña.
“A reacción a esta decisión do Goberno do Estado está a ser unánime non só
na cidade de Vigo senón en toda a Galiza. O rexeitamento a esta decisión por
parte das distintas administracións e institucións- Xunta de Galiza, Concello de Vigo, Porto de Vigo-, así como de
todo o sector do mar e de toda a sociedade galega fan imperativo que o Goberno
do Estado rectifique a decisión anunciada” afirma con contundencia Rego.
En opinión do deputado do BNG, cada decisión que toma o Ministerio de
Ciencia e Innovación está a provocar que os centros oceanográficos de Vigo e A
Coruña sigan perdendo independencia operativa e peso relativo no conxunto da
rede estatal de centros do IEO. “Xa en xullo de 2020, o Ministerio decidiu
integrar o IEO dentro da estrutura da Axencia Estatal Consello Superior de
Investigacións Científicas (CSIC), decisión que foi rexeitada tanto polas
persoas que traballan nos centros oceanográficos galegos, como polo sector do
mar” lembra.
“A realidade é que os problemas non se solucionaron e os centros galegos do
CSIC seguen sen resolver as súas dificultades financeiras e seguen sen poder
dispoñer do orzamento necesario para realizar os labores de mantemento dos
edificios, nin para comprar material” denuncia Rego.
O deputado nacionalista lembra que o Parlamento Galego xa acordou demandar a transferencia
dos centros do IEO na Galiza á Xunta en tres ocasiones: marzo de 2016, maio de
2018 e a última en novembro de 2020, a instancias dunha proposición non de lei
presentada na Comisión de Pesca da cámara galega polo Bloque Nacionalista
Galego, que foi aprobada por unanimidade, en que se instaba a Xunta de Galiza a
“comezar o procedemento para o traspaso de competencias e da totalidade da
xestión económica e administrativa dos centros”.
Esta iniciativa tamén foi levada ao Congreso polo BNG, momento en que as
distintas forzas de ámbito estatal que apoiaran a proposta na Galiza mudaron o
seu sentido de voto e votaron en contra. Na actualidade, non se coñece ningunha
acción levada a cabo nin polos gobernos galego nin español para proceder esa
transferencia de competencias e, mentres, a situación dos centros oceanográficos
galegos empeora día a día.
“Que a industria do mar teña centros de referencia en Galiza cos que
traballar man a man como se está facendo na actualidade, é clave para promover
os sectores pesqueiro e acuícola que deles depende e é fundamental para seguir
traballando por unha pesca ssustentábel e con futuro na Galiza” conclúe o
deputado do BNG. Departamento de comunicación