A CORUÑA | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, lamentou hoxe
en A Coruña as “renuncias ás que se viu sometida Galicia nos últimos 14
anos” derivadas do desleixo de Feijóo á fronte da Xunta. Explicou que
“se un atende aos datos obxectivos non é un bo legado”.
Explicou
que cando Feijóo chegou ao goberno galego “tiñamos menos parados,
moitísima menos débeda, había máis xente en Galicia, incluíndo máis
xente moza, e investigábase máis do que hoxe se investiga”. Engadiu que
os galegos e galegas contaban daquela con 138 colexios públicos máis
abertos dos que hai logo de 14 anos nos que o presidente da Xunta non
foi quen de abrir ningunha residencia pública.
Criticou
que Feijóo “non fixo absolutamente nada” a favor das “cuestións
estratéxicas de país” e dos sectores produtivos que “serven de tractores
para manter millóns de persoas contratadas e con oportunidades laborais
activadas”. Sinalou que o goberno galego “renunciou a todo aquelo que
puidera supor un conflito”.
Os sectores produtivos
galegos padecen hoxe a falla de impulso de Feijóo para o que “supuxera
un certo risco de estragar a súa aterraxe tranquila e sosegada dende o
minuto 1 en Madrid”.
Neste sentido, explicou que “por
iso estamos renunciando a que Citröen Stellantis estea producindo 24
horas ao día, e que non haxa unha fábrica de microchips en Galicia cando
temos os minerais para explotalos e construílos aquí en Galicia sen
depender de Taiwan”. O mesmo sucede coas renuncias ás que someteu aos
eidos enerxético, madeireiro ou científico.
Urxencias
O
secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixo estas
declaracións logo dun encontro cos representantes dos médicos de
Emerxencias, Semes Galicia, hoxe en A Coruña. Formoso chamou a que o
goberno galego garanta unha “maior implicación e unha aposta valente
pola reformulación do sistema sanitario galego de acordo cos colectivos
que o protagonizan”.