MADRID | O Bloque Nacionalista Galego rexistrou emendas a Lei Xeral de
Telecomunicacións para asegurar e avanzar nun servizo de calidade e pór as bases
que permitan garantir unha adecuada cobertura de internet e telefonía na
Galiza, tanto nas zonas rurais como periurbanas e urbanas. A organización
nacionalista conseguiu que fosen incorporadas diversas emendas que van nesa
liña a través de transaccións e mantén vivas o resto para a súa votación esta
quinta feira no pleno do Congreso, entre as que poden destacarse as referidas a
que as compañías de telecomunicacións cobren de maneira xusta ás persoas
usuarias polos servizos prestados e as referidas a evitar o corte do servizo
sen facilitar unha alternativa viábel cun prezo accesíbel.
En primeiro lugar, cabe destacar que a lei
realiza unha definición do servizo universal de forma ambigua e non
tecnolóxica, por iso, a organización frentista propuxo concretar esa definición
e asegurar unha velocidade mínima de acceso a unha conexión de banda ancha en
10 Mbit por segundo en sentido descendente. Así mesmo, estabelécese a
posibilidade de incrementar ese mínimo, adaptándose á evolución social,
económica e tecnolóxica futura, mediante desenvolvemento regulamentario.
Así mesmo, Rego explica que os servizos da
internet de banda larga a consumidores de rendas baixas ou con necesidades
sociais especiais non deberían ter límite de volume máximo distinto dos de
"condicións normais", pois resultaría discriminatorio. “Así, agora
deberá regularse cando os operadores poden, no marco destas opcións ou paquetes
de tarifas sociais, dispoñen da posibilidade ou non de fixar un volume máximo
de datos a transmitir no servizo de acceso a internet de banda larga” explica o
deputado nacionalista.
Na inmensa maioría dos casos os paquetes
contratados non se levan a cabo de maneira efectiva por parte das operadoras,
sobre todo nos referido á velocidade de redes da internet. Con todo cobran como
se prestasen o servizo íntegro. Neste sentido, o BNG logrou engadir un novo
punto que exixe “o cumprimento das condicións de velocidade de acceso a
internet e de prestación dos servizos normativamente estabelecidos así como os
que figuren nos correspondentes contratos cos consumidores”.
Por outra banda, o BNG mantén vivas para a
súa votación no pleno do Congreso o resto de emendas presentadas para este
Proxecto de Lei. “Unha delas é referida a garantir a subministración e mesmo o
mantemento do servizo. Queremos que non se poida iniciar a migración ou o
apagado dunha das redes sen antes certificar a existencia da alternativa
equivalente ás persoas usuarias” subliña Rego, como está a pasar en lugares da
Galiza como o Courel. O deputado procura, nunha emenda que aínda non foi
aceptada, garantir o servizo e non deixar sen alternativa as persoas usuarias.
Aliás, a organización nacionalista propón
limitar o acceso ao cifrado, para evitar que a Administración poida ter acceso
a calquera comunicación, o que suporía unha grave intromisión na privacidade
das persoas e organizacións. “Entendemos que a obrigación de facilitar o
descifrado debería ser sempre con autorización xudicial igual que se estabelece
no artigo 59 referido á interceptación de contidos” subliña Rego. Departamento de comunicación