MADRID | A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro en Madrid co
presidente de COCEMFE, Anxo Queiruga, entidade que traballa pola
plena inclusión e participación social das persoas con
discapacidade física e orgánica, e que integra a cerca dun cento de
entidades, entre elas a galega COGAMI, cuxo traballo foi posto en
valor pola líder do BNG.
“Agradecerlles
o labor que fan en defensa dunha sociedade igualitaria, porque non
podemos esquecer que estamos falando de garantir dereitos básicos
como facilitar unha vida independente e o máis inclusiva posible das
persoas con discapacidade, de evitar que sexan discriminadas e, por
iso, urxe poñer en marcha unha axenda que nos permita avanzar”,
salientou Pontón tras o encontro.
Neste
sentido, comprometeu o total apoio do BNG ás demandas de COCEMFE,
empezando pola
necesaria modificación da Lei
de propiedade horizontal,
para eliminar calquera traba á realización de obras de
accesibilidade para garantir a mobilidade de persoas con necesidades
específicas nas zonas comúns dos edificios, o que suporía un gran
avance na súa calidade de vida.
De
feito, a propia entidade estima que no conxunto do Estado hai unhas
cen mil persoa que non poden saír das súas vivendas por falta de
accesibilidade nos inmobles nos que residen. Para iso, a formación
nacionalista apoia a creación dun fondo estatal de accesibilidade
que facilite o financiamento nas comunidades veciñais con menos
recursos e, polo tanto, poda facer efectivo o dereito á mobilidade,
“porque a túa propia casa non pode converterse nun cárcere”,
salientou Pontón.
Agora
que no Congreso se está debatendo a Lei
de Vivenda
é un bo momento para que se leve adiante unha modificación que
garanta a accesibilidade nas vivendas de miles de persoas en Galiza e
no Estado.
A
accesibilidade nas vivendas, subliñou Pontón, non é só un ben
para as persoas con dificultades de mobilidade senón tamén para o
conxunto da cidadanía nas distintas etapas da súa vida, como as
persoas maiores, ou cando circunstancialmente as persoas teñen
restrinxidas a súa mobilidade. “COCEMFE e todos os colectivos que
integran esta entidade leva máis de trinta anos reivindicando o
mesmo, é hora de pasar das promesas ós feitos”.
A
segunda cuestión relevante abordada no encontro con Anxo Queiruga e
o seu equipo foi como garantir a autonomía das persoas con
necesidades específicas sen que iso supoña abandonar o seu fogar e,
nese camiño, “urxe unha regulación laboral do asistente persoal
que permita que esta sexa unha figura non excepcional, para quen teña
recursos, senón que sexa a normalidade e estea a disposición de
todas as persoas que o necesiten”, indicou.
Un
terceiro aspecto que o BNG considera importante dentro dunha axenda
pola igualdade dos dereitos das persoas con discapacidade pasa por
impulsar o novo decreto para a valoración da discapacidade, “para
que sexan recoñecidas moitas discapacidades que hoxe quedan fora
dese recoñecemento e, por tanto, das axudas da que poderían
beneficiarse. Lévanse demasiados anos falando da necesidade de
aprobar ese decreto e toca que se faga efectivo”, recalcou a
portavoz nacional.
“O
BNG vai traballar en todas estas cuestións no ámbito institucional
tanto a nivel galego como estatal, imos impulsar esta axenda a favor
das persoas con discapacidade física e orgánica, -260.000 en
Galiza-, de como facer efectivo o dereito a desenvolver a súa vida
de maneira independente, autónoma e en igualdade de condicións
porque as barreiras non están nas persoas, as barreiras están na
sociedade e esas son as que nós queremos derrubar”, destacou
Pontón.
Se
ben se teñen dado avances, “a día de hoxe seguen existindo
demasiadas barreiras legais, físicas e sociais que impiden que as
persoas con discapacidade desenvolvan a súa vida con normalidade.
Polo tanto, estamos falando de dereitos, de igualdade e de
inclusión”, subliñou.
Neste
sentido, o BNG levou xa ó Parlamento a ampliación da carteira de
servizos na atención primaria para aumentar o catálogo de servizos
incluíndo, por exemplo, fisioterapia, “imprescindible para moitas
persoas de tal xeito que, ter ou nou este servizo, marca a diferencia
na calidade de vida e mesmo en ganar anos de vida”, indicou a líder
do Bloque. Departamento de comunicación