SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou o seu convencemento de que o País está
nun cambio de ciclo que empezou a noite electoral das últimas eleccións
galegas, “un cambio de ciclo no que o PP xa representa o pasado, por iso Feixóo é o primeiro en abandonar o
barco en Galiza, mentres que o BNG
representa o futuro”.
Para a líder do Bloque, “Galiza ten ganas
de cambio, un cambio real que o BNG aspira a liderar desde a humildade, pero
con toda a ambición de País. Imos a por todas para disputarlle a maioría ó PP, para
darlle ó País un goberno que teña como razón de ser a defensa dos intereses dos
galegos e das galegas”, salientou. Neste sentido, subliñou, “empeza a contar
atrás para que Galiza teñan un goberno liderado polo BNG, un goberno que lle
diga si a Galiza e que lle dea futuro de esperanza a xente deste País”.
A dirixente nacionalista tamén fixo referencia
á posición do BNG fronte ó decreto aprobado onte no Congreso, cunha dobre
reflexión. Por un lado, o voto da formación nacionalista serviu para sacar
adiante un paquete de axudas que, aínda que insuficientes, supón un certo
alivio ás familias e á clase traballadora. “Foi un voto a favor por
responsabilidade coa cidadanía”, recalcou, “que serve para axudar á maioría social
ante unha escalada insoportable de prezos”.
Pero, ademais, o voto do BNG tamén
permite reactivar a axenda galega ante o Goberno do Estado, plasmada no acordo
de investidura asinado co PSOE, cun paquete de medidas claves para o País, as
que o Executivo de Pedro Sánchez aínda non deu cumprimento. Neste sentido, nos
próximos días haberá unha reunión da comisión de seguimento do acordo de
investidura.
Igualmente, o voto do BNG serviu para
recuperar o trámite de exposición pública dos estudos de impacto ambiental dos
proxectos de parques empresariais, que o goberno central decidira suprimir.
Unha cuestión que impedía a participación pública da cidadanía e que tiña
provocado unha enorme alarma en Galiza, nun momento de boom eólico depredador.
Respecto ó sucedido onte no Congreso, Pontón fixo unha advertencia ó Goberno de
PSOE-Podemos: “Coiden o bloque de investidura porque é a única alternativa para
facerlle fronte á dereita e a extrema dereita. Así que, o señor Sánchez debe deixar
de xogar con lume, debe deixar de lado á calculadora porque o día menos pensado
non lle van dar as contas”, alertou.
“Que deixen de comportarse como se tivesen
maioría absoluta, porque non é así e hai moito en xogo”, destacou, ó tempo que
reclamaba diálogo, negociación e respecto coas forzas políticas que forman o
bloque de investidura, “que traballamos tanto a favor dos dereitos dos nosos
pobos, das nosas respectivas nacións como dos dereitos e liberdades da maioría
social da cidadanía do conxunto do Estado”. Departamento de comunicación