LUGO | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, advertiu hoxe
que “non debéramos ter demasiada esperanza nun cambio de modelo na
Xunta de Galicia” coa chegada de Alfonso Rueda á presidencia. Lembrou
dende Lugo que “é un vello coñecido do goberno de Feijóo” e
“corresponsable das cifras que atoparemos cando cheguemos ao goberno en
2024”.
O líder dos socialistas galegos sinala que tódalas
cifras socioeconómicas ofrecen unha “fotografía do país moito peor”
logo de 13 anos de gobernos do PP. Lembra que Galicia está “máis
endebedada que en 2009 –cando os socialistas deixaron o goberno galego-,
con moitos máis parados dos que existían cando deixamos a Xunta, moita
menos xente e por suposto moita menos xente nova”.
Formoso
reclamoulle ao futuro presidente da Xunta “urxencia na adopción de
medidas” e que atenda á “responsabilidade de compartir as medidas que
levamos plantexando ao goberno galego”. Sinalou de novo ao decálogo de
medidas presentadas polos socialistas a nivel tributario enerxético e
social dirixidas a “soliviantar a carga da cidadanía” pola crise.
Lembrou
que o DOG continúa sen publicar “medidas para favorecer aos sectores
críticos” polo momento que “están a padecer os gandeiros, os
agricultores, os pescadores, os transportistas ou os operarios das
plantas que están a pagar máis pola súa enerxía” e que “adoecen de
medidas claras e concretas no Diario Oficial de Galicia”.
O
responsable socialista subliñou sen embargo que “queremos ser
consecuentes, queremos ser prudentes e darlle marxe” para que o futuro
novo presidente da Xunta “sexa quen de tomar decisións axeitadas” logo
do momento no que “a sucesión protagoniza a preocupación do goberno
galego”.
Criticou así que o Executivo autonómico estea
inmerso nos “fastos da sucesión”, que “van seguir despois” da toma de
posesión do novo presidente da Xunta “cunha xira para darse a coñecer no
peor momento da socioeconomía galega dos últimos 30 anos”.
Exemplo de xestión
Valentín González Formoso fixo
estas declaracións logo dunha reunión en Lugo co presidente da
Deputación, José Tomé, e o responsable de Réxime Interior da Deputación
de Pontevedra, Carlos López Font, onde defendeu a xestión dos socialistas galegos á fronte dos gobernos provinciais de A Coruña, Lugo e
Pontevedra, e que demostran a “aposta por que os servizos esenciais
sexan públicos”.
O líder dos socialistas galegos
reivindicou as políticas públicas e a garantía do público en servizos
esenciais dende as administracións xestionadas polos socialistas
galegos, e salientou que “é importante que a cidadanía poña en valor o
traballo na procura da mellor administración” en favor do conxunto da
poboación.
Lembrou que a Deputación de Lugo foi no seu
día a primeira do Estado en impoñer cláusulas sociais ás empresas
contratistas, ademais de ter recuperado para o público o Hospital
privatizado de Burela, e xestiona as únicas residencias de maiores
públicas de Galicia.
Así o dixo logo dun encontro das
tres deputacións provinciais con representantes sindicais dos consorcios
provinciais de bombeiros para abordar a incorporación ao sector público
con carácter indefinido dos 400 bombeiros das tres provincias, a raíz
da sentenza do caso dunha traballadora en Navarra. Departamento de comunicación