CURTIS | O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, e o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, visitaron esta mañá o polígono industrial de Teixeiro para comprobar sobre o terreo o avance das obras da nova planta de transferencia proxectada no municipio, unha infraestrutura que se prevé que entre en funcionamento a finais deste mesmo ano para dar servizo inicialmente a Curtis, Sobrado dos Monxes e Vilasantar, e con capacidade para 15 concellos máis.
As instalacións —cuxa construción foi adxudicada por preto de 1,2 millóns de euros— ocupará unha parcela de case 8.000 m2 e substituirá á microplanta actual, por unha máis eficiente, funcional e con maior capacidade. De feito, terá poderá acoller 17.000 toneladas anuais e transvasar a materia orgánica recollida no contedor marrón e a tamén a fracción de residuos correspondente ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e bricks) e xenérico (fracción resto).
Así mesmo, estará alimentada por enerxías renovables e equipada tamén con novidosos e innovadores sistemas de depuración de augas e de aire, así como de control do nivel de ruído, garantindo con isto unha operativa respectuosa coa contorna.
Esta instalación formará parte da rede de infraestruturas deseñada pola Xunta a fin de que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama teñan acceso á valorización da materia orgánica e dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
O presidente de Sogama subliñou que a planta de Curtis prestará un importante servizo aos concellos das contorna e axudará ás entidades locais a dar debido cumprimento ás súas obrigas legais no ámbito da valorización da materia orgánica, toda vez que “o conxunto dos concellos galegos dispoñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para instaurar a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón”.
Así mesmo, lembrou que os concellos aos que prestará servizo a futura instalación tamén están adscritos ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo recibido desta empresa pública, e de forma gratuíta, máis de 1.400 composteiros.
17 instalacións en rede
Aínda que a xestión dos residuos é unha competencia municipal, a Xunta seguirá apoiando aos concellos para que cumpran coas obrigas legais establecidas na materia. A tal fin deseñou unha rede de infraestruturas conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos, unha en cada provincia -Cerceda, xa en funcionamento, Vilanova de Arousa, Verín e Cervo-, apoiadas por 13 plantas de transferencia que contarán cunha tolva específica para o transvasamento da fracción orgánica.
A previsión é que as plantas integradas nesta rede -nas que se investirán ao redor de 40 millóns euros, dos cales 30 millóns proceden dos Fondos Feder como parte da resposta da Unión Europea á crise da covid-, entren en funcionamento a finais de 2022. Departamento de comunicación