A CORUÑA | Valentín
González Formoso participou hoxe no Foro Económico ‘La Galicia que viene’,
organizado por El Español e Quincemil, onde destacou o cambio de modelo que
viviu a Deputación da Coruña nos últimos anos para “poñela ao carón da xente,
falando do que lles importa”.
Neste
sentido, o presidente provincial sinalou o Plan de Emprego Local (PEL) como “un
modelo exportable a outras administracións” que “demostra a posibilidade de
transformar unha institución bicentenaria para adaptala á realidade do século
XXI”.
“Nos
últimos anos impulsamos un cambio nunha Deputación que estaba máis deseñada para
axudar á mellora de infraestruturas no ámbito municipal e non tanto para facer
políticas de dinamización económica ou de reactivación laboral”, apuntou.
“Nós
quixemos sementar para o futuro e deseñamos un plan de emprego que pretendía
amparar calquera inciativa emprendedora”, explicou González Formoso, facendo
referencia aos datos do PEL, que en 5 anos tivo unha inxección de máis de 98
millóns de euros, con preto de 4.500 empregos creados e ao redor de 3.500 empresas
apoiadas “nunha provincia que é o motor económico de Galicia, cun 47% do PIB do
país e que é a cuarta provincia máis exportadora de España, con empresas
referentes no ámbito téxtil, naval, cervexeiro, forestal...”.
“Facemos
un seguimento á evolución deses pequenos proxectos, que na súa maioría son de
autoemprego e hoxe, despois de 5 anos, hai algúns que aglutinan a 40-50
empregados conforme a aquela pequena idea que tivo a sorte de ter algún lugar
onde comezar e un pequeno orzamento, aportado pola Deputación. Sodo o mundo se
implicase dunha maneira similar, as esperanzas dos mozos e mozas á hora de
seguir radicándose no territorio no que naceron sería unha expectativa
realmente factible”, expresou.
Unha rede de coworkings temáticos que xa conta con 11 espazos
Valentín
González Formoso tamén subliñou a relevancia da rede provincial de espazos de
coworking, “un modelo polo que decidimos apostar, radicalmente distinto ao
tradicional e que está a ter un gran éxito”. “Pola súa natureza son lugares
onde as sinerxías aparecen desde o primeiro día”, afirmou.
“Creamos
recentemente un que xira en torno aos medios de comunicación e a creatividade,
outro vencellado ao mar, á agricultura e gandería ecolóxica, á hostalería e ao
turismo e este mes inauguraremos en As Pontes un relacionado coas enerxías
renovables e a nova do hidróxeno”, enumerou Formoso, que tamén lembrou que “acabamos
de abrir un na Capela, un pobo de 1.300 habitantes, onde completamos o 100% da
súa capacidade, con 12 empresas instaladas”.
Para o presidente
provincial “o custo de crear estes espazos é asumible e, en cambio, é moi bo o
retorno que temos de creación de vida nos pobos onde a demografía non axuda e a
emigración é unha constante diaria, ao crear espazos onde desenvolver esa idea
que ti tés pero que custa iniciar”.
Facendo fronte á pandemia e ás situacións que afectan á sociedade
Volvendo
a facer referencia ao cambio de paradigma que está a vivir a Deputación da
Coruña destacou que “para facer fronte á situación excepcional que vivimos
durante a pandemia tivemos que recompoñer as nosas partidas, fomos capaces de
priorizar e destinar axudas directas por 23 millóns de euros o ano pasado
dirixidos aos sectores máis afectados pola pandemia, como a hostalaría”.
Unha
atención ao que lle interesa á cidadanía que continúa á día de hoxe xa que “agora
o que importaba era apoiar a sectores como o transporte, a pesca ou o sector
agrogandeiro pola alza do custo dos combustibles, atender as situacións xeradas
pola guerra de Ucraína ou o gran impacto que estaban a ter os custos variables
de moitos produtos para os negocios tradicionais e estratéxicos de Galicia e decidimos
aportar o noso gran de area porque a Deputación non ten recursos para resolver
ningunha situación crítica en Galicia pero si ten para servir de guía e poñer
deberes a outras institucións que si a teñen”.
A
Deputación destinou 5 millóns de euros en axudas de 3.000 euros a pequenas
empresas e autónomos destes tres sectores, que se agotaron en menos de 24
horas. As primeiras 650 axudas
adxudicáronse e pagáronse en só 7 horas
desde que se abriu o prazo. Departamento de comunicación