MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a
deputada no Parlamento de Galiza, Montse Prado, avanzan iniciativas en ambas
cámaras, así como no Concello de Cambados, para garantir a continuidade da
actividade do sector mar-industria nesta localidade e desafectar os terreos e
que pasen a ser propiedade do municipio. A organización nacionalista demanda a
inmediata transferencia á Xunta de Galiza de todas as competencias relacionadas
co dominio público marítimo-terrestre tal e como está estabelecido no Estatuto
de Autonomía da Galiza que aínda non están transferidas.
O deputado nacionalista lembrou o
cambio na Lei de Cambio Climático que afectaba de maneira especial ao sector
mar-industria da Galiza que mudaba os criterios para as concesións en dominio
público marítimo-terrestre. O artigo 18, que finalmente coas modificacións do
Senado acabou sendo o 20, ao que o BNG se opuxo de maneira frontal porque
entendían que “puñan en risco actividades que aglutinaban millares de postos de
traballo na Galiza, partindo do descoñecemento da realidade do noso País”. Unha
medida que só miraba cara o Mediterráneo onde a maioría de edificios son
complexos vacacionais e hoteis en dominio público, mais na Galiza “estamos a
falar de actividades que son fundamentais para o mantemento de sectores
económicos chaves para o desenvolvemento da nosa economía”.
“É evidente que, se non hai
depuradoras de marisco, non hai actividade de marisqueo. Non foi posíbel, a
pesar de toda a actividade que desenvolvemos a nivel social e institucional,
que o Goberno e os deputados do PSOE e UP entendesen que manter ese artigo ía
pór en risco todas esas actividades e, polo tanto, que había que modificalo”
explica o deputado nacionalista. Rego salienta que “todo o que dixeron” foi que
“serían flexíbeis na súa aplicación” mais nun primeiro informe poñen en
cuestións que tres depuradoras de marisco poidan continuar a súa actividade.
O deputado do BNG avanza que
presentarán iniciativas no Congreso para pedir explicacións ao Goberno “para
que se mude esa regulación e se proceda a transferir todas as competencias
sobre costa e sobre dominio público marítimo-terrestre, tal e como está
previsto na propia lexislación”. O executivo estatal que “non sabe nin quere
saber sobre a nosa realidade” ten responsabilidades políticas por votar en
contra da emenda do BNG, mesmo tamén o PP por non votar a favor do texto proposto
polo BNG que deixaba excluídas “todas as actividades do sector mar-industria”.
“Seguiremos traballando para defender este
sector e defender todos os postos de traballo. Tamén apoiamos a demanda do BNG
de Cambados que, frente a submisión do goberno municipal do PP e as actuacións do
Goberno central de PSOE e UP, aquilo que está inserido na trama urbana se
desafecte” reivindica. Comprométese, ademais, a non permitir máis postos de
traballo na Galiza e, sobre todo, na costa do noso País.
Por outra banda, a deputada do
BNG no Parlamento da Galiza, Montse Prado, explica o problema polo que atravesa
o municipio de Cambados ante o “desleixo lexislativo” que exerceron tanto do PP
e PSOE exercen”. Prado anuncia unha iniciativa para comezar o proceso de
desafectación destes terreos, espazos para o uso e desfrute da veciñanza, e que
“todo este espazo pase a ser competencia municipal”.
A pesar de que estes terreos
están cedidos á Xunta de Galiza, deben pasar polo control e autorización previa
do executivo estatal. De facto, no mesmo informe enviado polo Goberno do Estado
deixa claro que todas estas edificacións- a Praza de Abastos, o Centro de Saúde
ou a Estación de Autobuses de Cambados- non procede que estean nesta
localización segundo a Lei de Costas, modificada pola Lei de Cambio Climático,
e que en canto rematen as súas concesións deben sacarse deste emprazamento.
Alén do máis, ante a visita da
Conselleira do Mar e as súas declaracións afirmando que o informe “invade
competencias propias da Xunta de Galiza”, Prado sinala que o Goberno galego
“ten que actuar e facer valer esas competencias e pedir a transferencia en
materia de costas ao Goberno do Estado tal e como recolle o Estatuto de
Autonomía de Galiza”. Para a deputada do BNG “non se trata de mendigar o que é
un dereito, trátase dunha necesidade tan importante como nós regular o noso
mar”. Departamento de comunicación