MADRID | O deputado
do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o
Goberno do Estado incremente as axudas destinadas aos produtores de carne para,
cando menos, equiparalas ás xa concedidas a outros sectores agrarios como o dos
produtores de leite. Alén do máis, reclama asegurar o cumprimento efectivo da
Lei da cadea alimentaria e evitar a venda por baixo dos custos de produción
permitindo estabelecer custos de referencia.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación someteu a información pública
o borrador de Real Decreto que regulará a concesión de axudas excepcionais para
determinados sectores agrícolas e gandeiros, debido á grave situación polo
incremento de prezos. Este RD estabelecerá axudas destinadas aos produtores de
vacún de carne, ovino e caprino de carne, carne avícola, coellos e produtores
cítricos.
Mais as contías reflectidas neste borrador, a organización nacionalista
entende que son “claramente insuficientes e discriminatorias” en comparación
coas xa fixadas para outros sectores como é o caso do sector lácteo. “No caso
dos produtores de carne, os topes de axudas para facer frente ao incremento de
custos de produción quedan fixados en: 60 euros por vaca, 15 por tenreiro até un
máximo de 125 vacas e 520 becerros; cabras e ovellas, 7 euros por un máximo de
800 animais e para as explotacións de pitos e coellos proponse unha cantidade variábel de entre 600 a 5.160 euros en función da capacidade
da granxa” lembra o deputado do BNG.
Estas contías chaman a atención
se se comparan coas axudas estabelecidas polo mesmo Ministerio de Agricultura,
Pesca e Alimentación para os produtores de leite, en compensación polo
incremento de custos provocados polo aumento do prezo da electricidade, os
pensos de alimentación animal e os combustíbeis, polo Real Decreto-lei 6/2022,
do 29 de marzo, no que se fixa que a axuda será de 210 euros por vaca ata un
máximo de 40 animais por beneficiario, 140 euros por vaca para os animais por
beneficiario comprendidos nun número adicional entre 41 e 180 e 100 euros por
vaca para os animais por beneficiario comprendidos nun número adicional
superior a 180.
“Apréciase unha diferenza de
trato entre un e outro sector que non pode xustificarse, por tanto é necesario
que o Goberno do Estado, e máis concretamente o Ministerio de Agricultura,
rectifique o contido do borrador feito público e incremente as axudas previstas
para, cando menos, equiparalas ás concedidas ao sector lácteo” reivindica Rego.
O deputado do BNG explica que, desde o sector e os distintos sindicatos,
agrarios consideran que esta discriminación “é incomprensíbel e destacan que
neste momento as explotacións de produción de carne son as que máis perdas
acumulan despois das medidas adoptadas para facer fronte á pandemia que supuxo
o peche da hostalería durante meses, aos que se suma agora o incremento de
custos”.
Con todo, apunta Rego, o
verdadeiramente importante para todo o sector agrario, e que suporía unha
grande diferencia, é garantir “o cumprimento efectivo da Lei da Cadea
Alimentaria, asegurando que os produtores non vendan por baixo do custo de
produción”, para iso é necesario introducir a posibilidade de fixar o prezo
atendendo a custos de produción de referencia, como poden ser os estabelecidos nos
estudos que realizan os observatorios dos diferentes territorios ou as
universidades nesta materia. Departamento de comunicación