A CORUÑA | O
presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, interveu hoxe
en A Coruña no Foro Económico Español “La Galicia que viene”. No seu
relatorio
neste foro, celebrado en Palexco e organizado por El Español, Invertia,
Quincemil e Treintayseis, Baltar desgranou as liñas clave da súa
xestión e os proxectos estratéxicos que asoman no horizonte da
provincia, como seguir avanzando na rentabilización do AVE.
Na súa intervención, moderada polo
subdirector de Invertia, Arturo Criado, o presidente da Deputación
sinalou a importancia da cooperación interadministrativa: “É vital. Por
suposto, temos unha excelente relación coa Xunta de
Galicia. Pero tamén traballamos nesa liña co Estado e Europa. Para
conseguir retos importantes, avanzados no Plan de mandato co que nos
presentamos ás eleccións e que reflexan medidas concretas. Proxectos
como a posta en marcha do Centro Galego de Innovación
da FP, que estará en Ourense, froito da unión coa Xunta. Ou cuestións
como a conversión do Pazo Provincial no Gran Balneario. Precisamente a
semana pasada fun reelexido como presidente da European Historic Thermal
Towns Association (EHTTA), e agora temos o
plus da conectividade con Madrid”.
Manuel Baltar puxo o acento na importancia
da chegada do AVE: “Supón todo. A situación de saberse tan cerca de
Madrid e ese reforzo á conexión coas grandes capitais. Por exemplo, o
sábado pasado recollín o premio da Cultura Galega
ao mosteiro de San Pedro de Rocas, unha auténtica xoia da Ribeira
Sacra. Pois está a so dúas horas e media do centro de Madrid. Unha liña
mestra da acción pública deste goberno provincial foi preparar a
provincia para a chegada do AVE. Ourense está máis que
preparada para rentabilizar a Alta Velocidade: o termalismo, o viño, a
Ribeira Sacra, os parques naturais, o Entroido, a cultura e a herdanza
de Nós… son pezas dun puzle que estamos encaixando”.
Nesta liña, o presidente da Deputación
lembrou no Foro Económico Español que, pese a pandemia, Ourense está
obtendo cifras de visitantes e pernoctacións. “Da man da colaboración
público-privada -unha das claves do noso éxito-
e con eventos organizados pola Deputación tan importantes como a
exposición ‘In Tempore Sueborum’ ou agora a dos Beatles, que é a máis
importante nunca feita en España”. Ou apostas, explicou, coma a ICC Week
ou transformación da provincia nun plató audiovisual,
“portas fundamentais para reforzar a visibilidade do territorio, que
tamén se apoia no AVE”.
Reivindicación da xestión pública e as administracións locais
Manuel Baltar sinalou que a política “é
para aqueles que teñen acreditado xestión, vocación, compromiso e
formación: un euro público é sagrado” antes de defender a importancia
das administracións locais: “Son as máis rápidas e
operativas. Somos administracións totalmente alineadas cos
requerimentos do século XXI”. O presidente da Deputación lembrou que o
goberno provincial que lidera acadou xa fai cinco anos a débeda cero,
aproba os orzamentos anuais antes que calquera outra administración
pública europea e lidera os apartados de transparencia de todos os
gobernos provinciais de España.
No horizonte dos Next Generation, destacou
que a Deputación foi o primeiro goberno provincial en aprobar unha
estratexia específica para os fondos de recuperación e do marco
financeiro plurianual. E agora, sinala, é momento da
xestión por parte do Goberno central: “Levamos moito tempo con
titulares e pouca xestión… eu son partidario do traballo. Temos 17
proxectos pensados para transformar a provincia, especialmente enfocados
aos concellos de menos de 5.000 habitantes. As deputacións
somos elementos clave para representar ás economías de escala de todos
estes concellos. Temos esperanzas na secretaría de Estado de Reto
Demográfico. As provincias non somos simples circunscricións
electorais”.
Reto demográfico e financiación local
O presidente da Deputación reivindicou
tamén a calidade de vida de Ourense, definindo o reto demográfico como
un problema de toda Europa. “A demografía e a dixitalización van unidas,
como comprobamos na pandemia. A conectividade
e a dixitalización deberían estar xa consideradas como dereitos
constitucionais”, analizou Manuel Baltar, situando neste horizonte a
importancia de impulsar eventos coma a Ourense Mobile Week, a única
experiencia a nivel provincial da Mobile World Capital
Barcelona.
Preguntado sobre a financiación local,
Manuel Baltar recalcou que a reforma da financiación autonómica e das
entidades locais debe ser paralela: “Debemos ter o máximo respecto polas
competencias máis próximas aos veciños. Sendo
os menores xeradores de déficit, esta reivindicación é xusta, son
cuestións reais. Os xestores públicos temos que estar no día a día”.
No Foro Económico Español “La Galicia que
viene” participaron hoxe e onte en Palexco representantes da vida
pública galega coma o vicepresidente segundo da Xunta de Galicia e
conselleiro de Economía en funcións, Francisco Conde;
o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; ou as alcaldesas da
Coruña e Lugo, Inés Rey e Lara Méndez, ademais de representantes de
universidades e empresas. Departamento de comunicación