MADRID | O
deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa
para que o Goberno do Estado indulte á vítima de violencia de xénero, María
Salmerón, condenada por antepoñer a seguridade da súa filla aos seus propios
intereses. Demanda a actuación por parte do que se autodenomina “Goberno máis progresista”
á maior brevidade, pois prevese que o vindeiro mércores, 18 de maio, a xuíza do
caso notifique xa a entrada en prisión. Rego demanda ao executivo que rectifique
a denegación do indulto ou, cando menos, a emisión desta resolución para que poda
recorrerse e esgotar a vía administrativa, especialmente tendo en conta a
urxencia que impoñen os prazos xudiciais.
María Salmerón, vítima de
violencia de xénero e cuxo agresor non cumpriu nunca a pena a prisión á que foi
condenado hai dúas décadas, tivo que tomar a decisión de exercer ela mesma a
protección que o Estado non ofrecía á súa filla. Estas actuacións levaron a
María a varios xuízos e condenas por desobediencia e, en todos eles, contou co
indulto do Goberno do Estado- incluído o Goberno presidido por M. Rajoy- ao
entender que estaba antepondo a seguridade da súa filla aos seus propios
intereses, á súa liberdade.
O pasado 26 de abril, María
Salmerón presentou ante o executivo a solicitude do indulto da súa última
condena mais desta volta, o que se considera “Goberno progresista” rexeitou a
solicitude “a pesar das case 70.000 sinaturas que apoiaban a petición e a
presión do movemento feminista”. Segundo a información obtida até o momento,
este asunto non chegou nin tan sequera a debaterse porque foi incluída no grupo
de temas sobre os que había consenso no seo do executivo estatal.
“Este feito é de fonda gravidade
se o sumamos a que o vindeiro 18 de maio María foi citada pola xuíza que a
condenou, previsibelmente para notificarlle a data de ingreso en prisión. Este
é un asunto que debería considerarse de interese xeral” reivindica o deputado
do BNG. Rego entende que, tendo en conta que as condicións en que María
Salmerón foi indultada nas últimas ocasións non difire das actuais, o Goberno
debería de actuar e estudar todas as posibilidades existentes “para evitar o
ingreso en prisión dunha vítima que, no contexto lexislativo actual nunca sería
condenada dado que a súa filla recibiría protección por parte dos organismos do
Estado”.
En opinión do deputado do BNG, o
Goberno non se está dando conta de que, ademais de non ter concedido o indulto,
está provocándolle un prexuízo á interesada ao atrasar a emisión da resolución
de denegación do indulto. “Isto impide a María recorrer a resolución e esgotar
así a vía administrativa, especialmente tendo en conta a urxencia que impoñen
os prazos xudiciais” reclama Rego.
Alén do máis, a organización
nacionalista non entende a denegación do indulto e demanda ao Goberno que
esgote todas as posibilidades existentes para evitar o ingreso en prisión dunha
vítima da violencia machista que, no contexto lexislativo actual, nunca sería
condenada dado que a súa filla recibiría protección por parte dos organismos do
Estado. Departamento de comunicación