MADRID | O
deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que
o Goberno do Estado se poña en contacto coas autoridades competentes de Uruguai
e que, en coordinación coa Xunta, adopte as medidas necesarias para
garantir a protección sanitaria dos socios da Casa de Galicia en Montevideo. Así
mesmo, reclama asegurar a integridade do seu patrimonio cultural, artístico e
histórico, para que permanezan no ámbito galeguidade no propio país, axudando
aos socios á súa adquisición ou realizando directamente a administración, de
non ser posíbel outra solución.
“O legado dos emigrantes galegos
no exterior é moi importante e representa unha parte fundamental do patrimonio
cultural e inmaterial de Galiza” explica o deputado do BNG. A Casa de Galiza en
Montevideo foi fundada en 1917 grazas ao esforzo de moitos emigrantes nesa
cidade. Ese mesmo edificio foi sede do
Consello de Galiza e tamén albergou ao
Goberno galego no exilio tras o
alzamento militar e durante os anos da Ditadura franquista.
A situación do Centro na
actualidade é moi preocupante e require “unha actuación urxente por parte das
distintas administracións con competencias nesta materia, isto é, da Xunta de
Galiza, pero tamén do Goberno do Estado, para lograr unha mediación que permita
salvagardar o patrimonio cultural do Centro”. Entre a ampla variedade de obras
artísticas, onde destaca a escultura “A
Santiña” de Asorey, unha biblioteca con exemplares de especial interese,
así como distintas pezas cerámicas, mobiliarias e artísticas, recibidas ou
compradas co esforzo das galegos e galegas na emigración.
Neste sentido, a organización
nacionalista demanda ao executivo estatal que solicite ás autoridades
competentes de Uruguai a que adopten todas as medidas necesarias para garantir
a protección sanitaria dos socios da Casa de Galicia, así como todas aquelas
que, axustadas a dereito, garantan a protección e a integridade do seu
patrimonio cultural, artístico e histórico, para que permanezan no ámbito
galeguidade no propio país, axudando aos socios á súa adquisición ou realizando
directamente a administración, de non ser posíbel outra solución. “Queremos que
se continúe coas medidas que correspondan, dentro das súas competencias, para
asegurar a protección socio-sanitaria dos emigrantes galegos” asevera Rego.
O 31 de marzo estaba fixada como
data final de pago, podendo proceder posteriormente á cobranza das débedas os
acredores da Casa da Galiza, para o que poderán proceder á venda do patrimonio
mobiliario e inmobiliario, “o que suporá unha gran perda para toda a
colectividade galega en Uruguai”. O procedemento xudicial decreta o peche da
Casa de Galiza no mes de decembro, exponse un panorama actual moi preocupante,
pois supoñerá a desaparición dunha entidade histórica da cidade e o peche total
das súas actividades.
Ao estado actual chegouse, entro
outros factores, pola acumulación de débedas e por unha mala xestión. Ademais,
é necesario lembrar que o Presidente saínte da Casa de Galiza, recoñeceu nunha
entrevista que “foi instado polo Goberno galego a presidir a entidade”. Mais a
propia Xunta de Galiza negouse a axudar nesta difícil situación, a pesar de
realizar peticións expresas neste sentido, mentres, en Galiza, a Xunta seguía
alegando estar a realizar mediacións diplomáticas para solucionar o problema.
“A desaparición desta histórica
sociedade supoñerá o desmantelamento do seu patrimonio, a desatención da
situación sociosanitaria das socias e socios galegos co cesamento ambulatorio e
o traslado e derivación de pacientes a outras entidades integradas no Sistema
Nacional de Saúde de Uruguai” enfatiza Rego. Así mesmo, a redistribución das persoas
traballadoras do centro deberá garantir e respectar a súa antigüidade e
salario. Mais sobre todo, “é moi importante que se de a adecuada cobertura e
unha asistencia de calidade ás persoas usuarias, moitas delas maiores, sobre
todo a grave situación dos cen socios e socias de avanzada idade en situación
de pobreza que non estaban a pagar cota, pero cuxa atención era cuberta pola
Xunta de Galiza”.
Cabe lembrar que a voceira do BNG
en Europa, Ana Miranda, visitou a mediados de marzo estas instalacións situadas
na Avenida 18 de xullo e no Hospital, reuníndose con socias e socios,
traballadores da entidade, antigos membros
da Comisión de Cultura e o propio Ministro de saúde Pública da República
Oriental do Uruguai, para coñecer a situación de forma directa. Alén do mais, a
organización xa formulou distintas iniciativas no Parlamento de Galiza ante a grave
situación do Centro, conseguindo un acordo unánime para reiterar a mediación
ante as autoridades competentes do Uruguai para que se tomen todas as medidas
necesarias para garantir a protección sanitaria dos socios de Casa de Galicia,
así como todas aquelas que, axustadas a dereito, garantan a protección e a
integridade do patrimonio cultural, artístico e histórico de Casa de Galicia. Departamento de comunicación